O deputado Antón Sánchez considera un abuso máis sobre o rural galego a construción dos parques eólicos no Concello de Paradela

Pide, a través dunha iniciativa parlamentaria, a paralización dos parques de Serra de Penas e de Paradela e a restauración da zona. Considera que dunha vez por todas débese mudar radicalmente o modelo de desenvolvemento eólico en Galiza.
Publicado por o día 12/08/2019 na sección de En Marea,Política

O deputado Antón Sánchez considera un abuso máis sobre o rural galego a construción dos parques eólicos no Concello de Paradela

Antón Sánchez considera que “o que ocorre coa construción dos parques eólicos de Serra das Penas e Paradela é un abuso máis sobre o rural galego dunha coalición de intereses entre unha multinacional e a Xunta de Galicia”.

Demandou a través dunha Proposición Non de Lei a paralización da construción dos dous parques e instou a que se tomasen as medidas necesarias para restaurar a zona afectada.

Os parques eólicos teñen grande afección sobre o Camiño de Santiago polo seu impacto paisaxístico, e sobre a vida das persoas pola proximidade de aeroxeradores de máis de 140 metros a vivendas, o que causará graves trastornos cotiás á veciñanza á causa dos ruídos e efectos sombra.

Sitúanse tamén nunha zona rica a nivel ambiental onde habitan dúas especies en situación de vulnerabilidade como son a Tartaraña cincenta (Circus pygargus) e a Gatafornela (Circus cyaneus).

Antón Sánchez denunciou a hipocrisía dunha Xunta de Galicia solicita que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade mentres autoriza proxectos que danan claramente a súa candidatura.

E declarou que “coma é norma tamén a declaración de utilidade pública é unha burla ante o feito de que unha empresa multinacional italiana farase de ouro á conta do noso territorio e do noso vento deixando para a zona os impactos e migallas económicas. Por que sistematicamente se lle concede a declaración de utilidade pública ao que é simplemente un negocio privado?”.

Por estes motivos tamén lembrou a necesidade de mudar o modelo de desenvolvemento eólico, cara uns criterios máis sostibles, respectuosos co territorio e máis democrático, onde a xente do rural sexa o obxectivo prioritario e non as multinacionais. Estamos diante dunha zona na que existen potencialidades económicas como é unha incipiente demanda turística que se pode ver afectada por isto.

Comentar noticia

Your email address will not be published.