O dereito á inclusión social, a transparencia e a dignidade da atención sanitaria centran a axenda de En Marea para o vindeiro pleno

Luís Villares adiantou que trasladarán a Proposición de Lei dunha Renda Social Galega para cubrir as necesidades básicas da poboación que carece de recursos
Publicado por o día 02/04/2019 na sección de En Marea,Política

O dereito á inclusión social, a transparencia e a dignidade da atención sanitaria centran a axenda de En Marea para o vindeiro pleno

O grupo parlamentario En Marea trasladará á sesión plenaria da vindeira semana unha Proposición de Lei para unha Renda Social Galega que contribúa a mellorar a cohesión social, diminuíndo as desigualdades e rompa co actual escenario “dun país inxusto que está deixando moita xente atrás”. Así o anunciou o voceiro Luís Villares na rolda de prensa posterior á Xunta de Voceiros, na que concretou a dobre proposta de En Marea na súa loita por garantir o dereito á inclusión social: “unha prestación económica que cubra as necesidades  básicas das unidades de convivencia que carecen de recursos económicos e unha renda complementaria para mitigar as situacións de persoas que malia contaren con ingresos, se atopan en risco de exclusión laboral, laboral ou análogas”.

Villares destacou que esta iniciativa se enmarca no debate “de primeiro nivel” que significa decidir cara a onde queremos orientar os recursos públicos. “Aqueles que cremos no Estado de benestar, nos dereitos sociais e na solidariedade traballaremos sen descanso para reverter situacións coma as denunciadas recentemente por Cruz Vermella, que apunta a un 25% de taxa de pobrexa en Galicia no último ano”, denunciou o voceiro de En Marea.

A segunda prioridade de En Marea para a vindeira sesión será a reivindicación do dereito democrático á Transparencia. “O PP formulará neste pleno propostas en relación a ENCE”, sinalou Villares,  “e nós temos claro que ten que estar fora da ría e que se non está é pola presión que exercen antigos membros do goberno de PP como Del Álamo ou Isabel Tocino, que actualmente forman parte do Consello de Administración de ENCE”.

Tamén se referiu á relación entre os cargos que ostentan os ex presidentes Aznar e González nos consellos de Administración das grandes eléctricas, “que están presionando ao goberno para que non haxa unha regulación que acabe co réxime de oligopolio, mentres as nosas industrias se ven abocadas ao peche ou o traslado e este mes os usuarios volveremos sufrir un incremento de máis de euro e medio na factura da luz”.

Para En Marea  é fundamental afrontar o debate das portas xiratorias e niso centrarase a pregunta que lle formulará o voceiro a Feijóo no vindeiro pleno. “O seu  goberno está sendo campeón nos incumprimentos derivados da lei de transparencia e bo goberno e non podemos consentir esta situación que merma a calidade democrática das institucións galegas”, lembrou Luís Villares.

O terceiro gran argumento do grupo parlamentario de En Marea será a dignidade da atención sanitaria. Nese senso, formulará cinco medidas urxentes que reclama o colectivo de Atención Primaria, e polas que está convocada unha folga para os vindeiros 9, 10 e 11 de abril: recuperar as xerencias de Atención Primaria con orzamento e autonomía de xestión, elaborar un verdadeiro Plan de Atención Primaria que recolla as demandas dos colectivos profesionais, incrementar o peso da Atención Primaria ata un 25% do orzamento do Sergas en 4 anos, comezar a aplicación da suba orzamentaria nesta anualidade e contemplar as demandas en materia de persoal do colectivo “PACs en pé de guerra”, así como a dimension necesaria nos cadros de persoal das diferentes categorías, negociando coas organizacións sindicais un verdadeiro modelo de contrato temporal que permita dar estabilidade ás traballadoras e traballadores.

Villares, que reclamou de novo a dimisión ou cese inmediato do conselleiro de Sanidade, engadiu na rolda que outros asuntos que trasladará o seu grupo á Camara galega será o debate sobre o modelo de prevención e extinción de incendios e a situación de precaridade laboral no telemarketing.