O descenso do paro en Galicia supera en case dous puntos ao estatal e o número de afiliados segue por riba do millón por sétimo mes consecutivo

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou hoxe os datos do paro rexistrado e destacou que Galicia conta con 9336 parados menos que hai un ano situándose o nivel de desemprego en cifras moi inferiores ás de hai unha década
Publicado por o día 02/10/2019 na sección de Emprego

O descenso do paro en Galicia supera en case dous puntos ao estatal e o número de afiliados segue por riba do millón por sétimo mes consecutivo

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou hoxe os datos de paro rexistrado e destacou que Galicia está a consolidar o emprego creado nos últimos anos, xa que o desemprego na evolución anual continúa baixando, mentres que as afiliacións continúan medrando e volven situarse por riba do millón de cotizantes.

Deste xeito, Galicia pechou setembro de 2019 con 9336 parados menos que hai un ano, o que supón unha baixada do -5,61% e un nivel de desemprego moi inferior ao rexistrado hai unha década, xa que en setembro de 2009 había 200.456 parados fronte aos 156.984 actuais. Ademais, a caída de Galicia supera en case dous puntos á media estatal, situándose como a quinta Comunidade na que máis descende o desemprego. Por sexto ano consecutivo redúcese o paro en Galicia nun mes de setembro que tamén baixou nas catro provincias galegas e nas sete grandes cidades, así como en todos os sectores económicos e nos colectivos prioritarios para a Xunta: menores de 30 anos, mulleres e parados de longa duración. Neste sentido, a práctica totalidade das persoas que saíron do paro nos últimos doce meses eran desempregados de longa duración.

A secretaria xeral de Emprego tamén puxo en valor que as afiliacións seguen medrando en Galicia e suman 15.660 cotizantes máis –unha media de 43 ao día-, o que permite que Galicia encadee sete meses consecutivos por riba do millón de afiliados, en concreto 1.029.548. Con respecto á contratación, aumentou nun 10,24%, case tres puntos máis que no conxunto do Estado.

En canto á evolución mensual, Toca indicou que o aumento rexistrado segue a tendencia dun mes de setembro de toda a serie histórica, xa que desde que hai rexistros en 1996 sempre aumentou (agás no ano 2005). O crecemento do mes pasado é inferior á suba media reflectida en setembro nos últimos 10 anos. Con respecto a agosto, a contratación aumentou en Galicia un 14%, destacando o ritmo de crecemento da indefinida que é sete veces superior ao da contratación temporal.

A secretaria xeral de Emprego, incidiu en que na recuperación do mercado laboral galego é preciso apostar por un emprego inclusivo que permita que todas as persoas teñan as mesmas oportunidades, en concreto, as que teñen capacidades diferentes. Neste sentido, a Xunta está investindo 40M€ ao ano en medidas de orientación, formación, contratación e autoemprego con este obxectivo.

De feito, este venres publícase no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria do novo programa de formación dual destinado a persoas con discapacidade intelectual no que se investirán 3M€. En colaboración cos centros especiais de emprego, a iniciativa pretende que un total de 80 persoas poidan acceder a un contrato de formación e aprendizaxe de 3 anos de duración e un certificado de profesionalidade. Este novo programa súmase a outras medidas como a liña de Galicia dirixida a este colectivo e as axudas aos centros especiais de emprego.

Paro por provincias e sectores

Por provincias, na evolución anual, Lugo liderou a caída (-7,85%), seguida da Coruña (-5,92%), Ourense (-5,67%) e Pontevedra (-4,70%). Por sectores, destacou a baixada na construción
(-11,55%), seguida da industria (-6,26%), da agricultura e a pesca (-5,36) e do sector servizos
(-4,27%).

Con respecto aos colectivos que máis dificultades teñen para atopar un traballo, descendeu nun -7,67% entre os menores de 30 anos; nun -11,74% nos parados de longa duración; e nun -5,37% nas mulleres.

A cifra de fogares galegos con moita dificultade para chegar a fin de mes baixa ao mínimo da serie histórica, segundo o IGE

O número de fogares galegos que chegan con moita dificultade a fin de mes baixou no terceiro trimestre do ano ata o 5,2%, o que supón a menor cifra de toda a serie histórica e un descenso de tres puntos respecto ao mesmo trimestre do ano anterior (8,6%), segundo recolle a última Enquisa conxuntural a fogares do Instituto Galego de Estatística (IGE).

Ao mesmo tempo, os fogares galegos que chegan con facilidade ou moita facilidade diminuíron no terceiro trimestre ata situarse no 57,6%, mentres que subiron os fogares que teñen algunha dificultade para chegar a fin de mes, ata o 37,2% do total.

A enquisa trimestral do IGE tamén mostra un descenso do indicador de confianza do consumidor (ICC), que se situou en -11,44 puntos. Este indicador era de -7,93 puntos, e agora volve aos niveis de finais de 2018, cando se situou en -11,53 puntos.

Respecto ás compoñentes do ICC, os datos do IGE reflicten un descenso do indicador da situación financeira persoal (-3,59), da situación económica de Galicia (-8,97) e do desemprego (-11,28), e un aumento do indicador de capacidade futura de aforro, que se sitúa en -21,93 puntos.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.