Os datos do Servicio de Emprego Público Estatal correspondentes a decembro de 2020 recollen un 25% máis de xornalistas parados rexistrados fronte ao mesmo mes do ano anterior, con especial incidencia entre as mulleres. Mesmo sen reflectiren todos os casos de profesionais en desemprego, as estatísticas mostran como a crise da Covid-19 afectou laboralmente á profesión xornalística.
O Servicio de Emprego Público Estatal vén de publicar os datos correspondentes a decembro de 2020, que recollen, ao rematar o ano pasado, un total de 8.386 xornalistas parados rexistrados, o que supón un 25% mais que no mesmo mes do ano 2019. A cifra supón tamén unha situación peor que a de setembro de 2020, recollida pola Asociación de la Prensa de Madrid no seu Informe Anual de la Profesión Periodística 2020, onde se observaba un 23% de suba do desemprego entre a profesión.
O desemprego dos xornalistas rexistrado en decembro ten rostro feminino: o 62% de profesionais parados foron mulleres, aínda que ao longo de 2020 o paro de xornalistas homes foi medrando. Madrid, Catalunya e Andalucía, por outra banda, son as comunidades con maior número de xornalistas desempregados, representando máis da metade do total estatal.
Cómpre salientar que estes datos só se refiren ás persoas rexistradas no SEPE que estiveran dadas de alta como xornalistas con anterioridade e que escolleran esta opción como a primeira na demanda de emprego, polo que o desemprego entre os profesionais da comunicación en realidade pode ser maior. En calquera caso, o aumento do paro mostra como a situación sanitaria agravou unha crise laboral do xornalismo que xa estaba a ser abondo dura para a profesión.
Desde o comezo da crise sanitaria, a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas solicitou medidas extraordinarias e axudas directas para soster os medios de comunicación e protexer o emprego xornalístico nestes duros momentos.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.