O dicionario da Real Academia Galega incorpora e actualiza 168 termos matemáticos

A iniciativa quere fomentar o emprego dunha terminoloxía precisa, de calidade e avalada
Por o 14/03/2018 | Sección: Universidade de Vigo
O dicionario da Real Academia Galega incorpora e actualiza 168 termos matemáticos

“Grafo: representación gráfica constituída por puntos e segmentos de recta ou de arco, empregada para mostrar as relacións entre pares de elementos”. Este importante termo para as matemáticas estaba ata hai pouco ausente do dicionario da Real Academia Galega. A súa incorporación agora non é casual. É froito dunha revisión do léxico matemático deste dicionario levada a cabo por un grupo dez expertos e expertas das tres universidades galegas, o Instituto Galego de Estatística e o ensino medio entre os que está Iván Area, profesor titular do Departamento de Matemática Aplicada II da Universidade de Vigo. Os 168 termos incorporados e actualizados xa se poden consultar na versión en liña deste dicionario.

A actualización do dicionario foi presentada este luns na sede da Real Academia Galega por membros do grupo que realizou a revisión e por Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, e Manuel González, responsable do Seminario de Lexicografía desta institución. O presidente da RAG recordou que a comunidade matemática é desde hai décadas “especialmente sensible á incorporación da lingua á modernidade” e agradeceu o labor das persoas que revisaron o dicionario desde esta disciplina. “É un traballo de moita dedicación e moita xenerosidade, feito por amor á lingua e polo compromiso que significa o avance e a modernización do país”, expresou Freixanes. O responsable do Seminario de Lexicografía agradeceu tamén o “altruísmo” co que este traballo foi feito e gabou a “solidez” das achegas. “Espero que isto sexa o inicio dunha colaboración que continúe no futuro”, engadiu Manuel González, que lembrou que “para a elaboración do léxico especializado é totalmente imprescindible a colaboración de lingüistas e de especialistas en cada área”.

Un grupo interinstitucional, interdisciplinario e voluntario

O equipo especialista en matemáticas que elaborou a proposta de mellora estivo formado ademais de por Iván Area, por Xosé María Masa, María Victoria Otero e Celso Ramírez, da Universidade de Santiago de Compostela; Miguel Brozos e Andrés Prieto, da Universidade da Coruña; Cibrán Arxibai e Sandra Sambade, respectivamente do IES Pintor Colmeiro (Silleda), e do IES Monte da Vila (O Grove), e Carlos Luís Iglesias, do Instituto Galego de Estatística. Completou o grupo Xusto Rodríguez, do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela. Trátase, apunta Iván Area, “dun equipo especializado, que traballa con destinatarios con graos diferentes de especialización, interinstitucional, interdisciplinario e voluntario”.

A iniciativa, lembra Iván Area, naceu no ano 2013 trala celebración na Universidade de Santiago de Compostela dunha xornadas sobre lingua e matemáticas. “A raíz deste encontro comezamos a analizar as entradas que había no dicionario, formamos un grupo informal e pedímoslle á Real Academia Galega que nos pasase todos os termos de matemáticas para revisalos”, comenta o profesor da Universidade de Vigo. O compromiso de sacar adiante esta iniciativa voluntaria, indica, naceu tendo en conta factores como que no proceso de fixación do léxico matemático galego o dicionario da Real Academia Galega é “unha ferramenta fundamental” e a importancia de que aparezan neste dicionario de referencia para o galego os termos de uso máis común, particularmente aqueles empregados en ámbitos de ampla difusión coma o escolar ou os medios de comunicación.

Na proposta de revisión das entradas de léxico matemático, o grupo propuxo a inclusión de novas entradas, por exemplo grafo; a modificación de denominacións existentes e de sinonimias e relacións entre entradas, como varianza; a inclusión de acepcións matemáticas en entradas xa existentes, como desvío; a reelaboración de entradas ou acepcións, como por exemplo bicadrático, ou a reelaboración de exemplos. O proceso, indica Iván Area, comezou coa revisión das entradas matemáticas proporcionadas pola RAG por parte de todos e cada un dos membros do grupo e rematou coa aprobación do texto definitivo por parte do Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega.

Traballando pola normalización

Os expertos e expertas que levaron a cabo esta iniciativa salientan a importancia de na súa área “contar cunha terminoloxía precisa, de calidade e avalada por unha autoridade como a Real Academia Galega”, tendo en conta que “un paso imprescindible para a normalización é o establecemento dunha terminoloxía suficiente e precisa”. Nun contexto de preocupación, sinalan, “pola prohibición do emprego da terminoloxía matemática no ensino non universitario vía o decreto 79/2010”, “faise aínda máis importante o traballo de revisión da terminoloxía”. “O noso caso pode servir tamén de exemplo para outros colectivos que coma nós queiran mellorar o léxico da súa área de coñecemento neste dicionario. Leva tempo, leva esforzo pero compensa”, afirma Iván Area, que sinala como “nun tempo onde a normalización lingüística practicamente non existe a nivel institucional somos as persoas as que, como tivo que ser durante moitos anos, temos que dar pasos á fronte”. O avance realizado con esta revisión dos termos matemáticos do dicionario da RAG, apunta por último o profesor da Universidade de Vigo, “é un primeiro paso moi importante pero hai que seguir traballando”.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.