O Dinoseto da a súa bendición, un ano máis, ao Galician Freaky Film Festival

O Galician Freaky Film Festival presentou hoxe o cartel da nova edición, que se celebrará do 28 ao 31 de outubro coma ven sendo habitual, na sala Videodrome.
Publicado por o día 31/07/2020 na sección de Cultura,Eventos,Galicia,Vigo

O Dinoseto da a súa bendición, un ano máis, ao Galician Freaky Film Festival

O Galician Freaky Film Festival quenta motores para a súa vindeira edición, que terá lugar do 28 ao 31 de outubro na Sala Videodrome. Coma xa é costume, presentaron o cartel no Dinoseto, quen lles deu a súa bendición.  

Nesta ocasión, trátase dunha peza que rende homenaxe ao filme O Resplandor, dirixido por Stanley Kubrick, un clásico do cinema que celebra o seu 40 aniversario. Cunha ilustración de Paulo Mosca e un deseño de María Llauger, mostra nun primeiro plano a Jack Torrance despois de cometer a peor das atrocidades: desfacerse de dous dinosetos xemelgos.

A organización está moi entusiasmada coa nova edición xa que, nesta ocasión, bateron os seus propios récords recibindo preto de 400 obras a concurso, o dobre do ano pasado. Ademais, chegan dende todo tipo de lugares, coma Xapón, Corea do Sur ou Tailandia e Juan de Castro, director do festival, resalta a gran calidade das obras, curtametraxes abraiantes e esperpénticas. “Será unha sección oficial moi coidada, con traballos multipremiados en diversos festivais de terror”.

Por suposto, tamén haberá oco para actividades paralelas, coma unha exposición de Paulo Mosca, charlas, encontros ou a musicalización da obra “A Carreta Fantasma” da man de CaspervekTodo, co obxectivo de que a Sala Videdrome “sexa algo moi gamberro e moi especial”, afirma de Castro. 

Doutra banda, compre recordar que o Galician Freaky Film Festival será un pouco diferente a outros anos debido a crise sanitaria actual polo coronavirus. Deste xeito, a sala reduce o seu aforo en máis dun 80%, podendo acceder un máximo de 40 persoas. Por todo isto, “teremos unha plataforma online para emitir en streaming” explica Juan de Castro, quen engade que “a sección oficial tamén será accesible vía online”.

Ademais, será obrigatorio usar mascarilla para desprazarse polo interior, tomarase a temperatura na entrada e haberá xel hidroalcohólico e mascarillas a disposición dos asistentes. Do mesmo xeito, implantarase o sentido único de circulación e haberá persoal vixiando para que se cumpra coa normativa.

A SALA VIDEODROME CONVERTIRASE NO HOTEL OVERLOOK

Como xa é costume en cada edición, o GFFF non sería o mesmo se non transformase a Sala Videodrome para ofrecer aos asistentes unha experiencia diferente. Nesta ocasión, tal e como reflicte o cartel, o certame homenaxea ao clásico de terror de Stanley Kubrick “O Resplandor”, protagonizada por Jack Nicholson y Shelley Duvall.

Isto fará que a Videodrome se converta no Hotel Overlook con referencias aos lugares máis emblemáticos da obra coma o salón de baile ou os labirínticos corredores de moqueta que conducen a arrepiante habitación 217.

Comentar noticia

Your email address will not be published.