O director do INICO salienta a importancia de reforzar o lazo entre Universidade e tecido asociativo ao recoller o Premio FEGADACE – Miguel Blanco

Miguel Ángel Verdugo, director no Instituto Universitario de Integración na Comunidade, recibiu o galardón na Xornada sobre o Dano Cerebral Adquirido.
Publicado por o día 29/09/2018 na sección de Salud

O director do INICO salienta a importancia de reforzar o lazo entre Universidade e tecido asociativo ao recoller o Premio FEGADACE – Miguel Blanco

A importancia de continuar a traballar conxuntamente desde organismos académicos como o Instituto Universitario de Integración na Comunidade (INICO), da Universidade de Salamanca (USAL), e o tecido asociativo da discapacidade, foi un dos aspectos salientados polo catedrático Miguel Ángel Verdugo á hora de agradecer o 6º Premio FEGADACE – Miguel Blanco. O galardón foille entregado esta mañá das mans do presidente e presidenta de dúas das asociacións de dano cerebral adquirido (DCA) máis antigas de Galicia: Carmen Fernández, de ADACECO (A Coruña) e José Balboa, de Sarela (Compostela).

Verdugo defendeu o valor da colaboración das asociacións co INICO perante a falta de apoio económico e institucional, o que lle levou a agradecer con especial agarimo e complicidade o galardón entregado por FEGADACE. Ese baleiro de apoio motiva que desde a Universidade se valore aínda máis especialmente a colaboración asociativa para o exercicio da investigación, pois trátase dun labor crucial que non se podería desenvolver sen o apoio altruísta das entidades e o interese e empeño dos e das profesionais da Universidade.

O director do INICO explicou tamén que a alianza de Universidade, asociacionismo e Administración é clave para o avance non só en materia lexislativa, senón tamén a nivel de exercicio efectivo de dereitos e dotación de recursos suficientes e axeitados para as persoas con dano cerebral adquirido, en todas as fases do seu proceso vital.

A entrega do premio tivo lugar trala conferencia, impartida por Verdugo, que é catedrático de Psicoloxía da Discapacidade na USAL, sobre ‘Calidade de vida en dano cerebral: Un enfoque multidimensional’. Defendeu en todo momento a abordaxe da discapacidade como unha cuestión biopsicosocial, que implica todos os ámbitos da vida da persoa, incluíndo todas as áreas do seu benestar e o seu contorno social, fronte a outras maneiras de entendela, xa caducas, que a analizan unicamente desde a perspectiva do benestar físico e a saúde.

Expuxo o proceso de elaboración, por parte do INICO, da Escala CAVIDACE de medición da calidade de vida en DCA, relacionándoa con ese punto de vista, para defender que tanto desde as institucións como desde as asociacións esta ferramenta se poida utilizar como apoio para o cambio na planificación de servizos e recursos, axudando a que sexan máis efectivos para a calidade de vida das persoas con dano cerebral.

Dereitos e autodeterminación das persoas con DCA

A Xornada sobre o Dano Cerebral Adquirido comezaba, na Facultade de Filosofía da universidade compostelá, cun saúdo da recen nomeada conselleira de Política Social, Fabiola García, e do presidente de FEGADACE, Luciano Fernández.

Trala conferencia de Verdugo e a entrega do premio a programación continuou co tratamento da calidade de vida desde a perspectiva xurídica, cunha intervención sobre os dereitos das persoas con DCA. O xurista Miguel Vieito percorreu o corpus legal que, dun ou outro xeito, pode intervir na vida da persoa con DCA. Durante a súa exposición defendeu continuamente o dereito da persoa con DCA a ser a protagonista principal da súa toma de decisións, e a ser informada tanto desde as instancias médicas como administrativas de calquera cuestión que lle competa. Insistiu tamén no feito de que a persoa con DCA ten os mesmos dereitos que calquera outra persoa na sociedade.

A última conferencia relacionada coa calidade de vida foi a do psicólogo clínico Miguel Anxo García, que falou de autodeterminación e vida digna. Centrado nas cuestións éticas relacionadas coa dignidade humana, García aludiu tamén á lexislación, e á consolidación constante que a vai establecendo dos dereitos humanos a través da historia. Sinalou que o que acontece coas persoas con DCA é que simplemente ven modificadas as súas capacidades para exercer esa autodeterminación, pero que esta segue sendo unha competencia inalienable que lles pertence como a calquera outra persoa. Tamén subliñou o especial foco que se coloca nas dependencias que afectan ás persoas con discapacidade, un foco que non se sitúa sobre a sociedade en xeral, onde cada individuo está tamén cargado de inseguridades e dependencias, moito menos analizadas.

Para rematar, o escritor Francisco Castro presentou a novela Iridium, que protagoniza unha moza que ten dano cerebral, acompañado pola neuropsicóloga de Alento, Amparo Rodicio. A Xornada clausurouse cun peche institucional a cargo da vicepresidenta de FEGADACE, Luisa Ramírez, e a concelleira de Políticas Sociais de Santiago de Compostela, Concha Fernández.

Un galardón para lembrar ao neurólogo Miguel Blanco

O Premio FEGADACE – Miguel Blanco recoñece o traballo e a traxectoria dun axente social implicado na defensa do colectivo e na sensibilización sobre o dano cerebral adquirido. FEGADACE leva premiado ata hoxe ao programa Convivir en Igualdade (Radio Galega), a Miguel Blanco, á Fundación Barrié, á DGT e a María Escario.

En 2016 a Xunta Directiva da Federación aprobou o cambio de nome do galardón para lembrar ao neurólogo Miguel Blanco, falecido repentina e prematuramente en outubro de 2015. Blanco dirixía a Unidade de Ictus do CHUS e foi un estreito colaborador da Federación, que lle quixo render homenaxe incluíndo o seu nome no premio, que el mesmo recibiu no ano 2014.