O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias destaca a importancia da actividade viveirista na comarca do Baixo Miño

Na nosa comunidade están rexistrados un total de 191 viveiros cunha superficie de plantación dunhas 900 hectáreas
Publicado por o día 17/03/2019 na sección de Galicia,Tomiño

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias destaca a importancia da actividade viveirista na comarca do Baixo Miño

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, inaugurou esta mañá en Tomiño a XVI edición da Mostra de Cultivos do Baixo Miño. Alí destacou o peso desta comarca na produción viveirista, pois só no concello de Tomiño están rexistrados case o 20% dos viveiros de Galicia.

Na nosa comunidade están rexistrados un total de 191 viveiros, dos cales 75 están na provincia da Coruña, 28 na de Lugo, 25 en Ourense e 63 en Pontevedra, cunha superficie total de plantación dunhas 900 hectáreas.

Estes datos, segundo indicou o director xeral, dan conta de que o sector agrícola ten moita marxe para medrar na nosa comunidade e que o agro galego non só é gandaría. Así, subliñou que Galicia é líder en producións como o kiwi, a rosa, a orquídea, o rododendro ou a azalea pero, manifestou Balseiros, cómpre seguir traballando para potenciar o resto de recursos naturais.

Neste senso, o director puxo en valor o traballo de entidades como a Asociación de cultivos do Baixo Miño (Acubam) que permiten potenciar e promocionar este sector en auxe en Galicia. José Balseiros felicitou aos organizadores desta mostra, pois conseguiron consolidar este certame como cita ineludible e imprescindible na axenda agraria de Galicia. Ademais, salientou a importancia deste tipo de feiras, xa que permiten intercambiar experiencias entre produtores e comercializadores, difundir as novidades tecnolóxicas do sector e abrir novos mercados.

Comentar noticia

Your email address will not be published.