O director xeral de Políticas Culturais e a delegada da Xunta en Vigo asisten ao concerto inaugural do ciclo ‘Solpores do Museo’

Publicado por o día 24/07/2019 na sección de Galicia,Vigo

O director xeral de Políticas Culturais e a delegada da Xunta en Vigo asisten ao concerto inaugural do ciclo ‘Solpores do Museo’

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, asistiron hoxe ao concerto inaugural do ciclo Solpores do Museo, o novo ciclo de concertos que traerá a Vigo unha ducia de artistas nacionais e locais de renome en seis citas musicais ao Museo do Mar de Galicia.

Tras a apertura este mércores con Baiuca e Presumido sobre o escenario, a segunda xornada celebrarase o xoves 1 de agosto e terá como protagonistas a Amaro Ferreiro e Villanueva. O 8 de agosto actuarán o grupo vigués Moon Cresta e a banda Aurora & The Betrayers, mentres que o 15 de agosto será a quenda de Soleá Morente e Xosé Manuel Budiño. Xa o xoves 22 de agosto terá lugar a actuación de Joe Crepúsculo e a galega Cora Velasco, mentres que o vindeiro 29 de agosto celebraranse as últimas actuacións do ciclo a cargo de Zenet e Bliusvai.

Todos os concertos, para os que se esgotaron as invitacións en só día e medio, terán lugar na terraza do restaurante do Museo do Mar de Galicia, un emprazamento emblemático en plena ría de Vigo e polo que discorre o Camiño de Santiago. As actuacións comezarán ás 20,30 h.