O docente e investigador Miguel Correa toma a remuda de África González á fronte do Cinbio

González descríbeo como “un traballo moi duro” e Correa cre que é “unha gran responsabilidade”
Publicado por o día 28/10/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

O docente e investigador Miguel Correa toma a remuda de África González á fronte do Cinbio

Miguel Ángel Correa-Duarte, docente e investigador do Departamento de Química Física, asume desde hoxe a dirección do Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo (Cinbio), en substitución da catedrática África González, que durante dez anos exerceu como directora. O reitor, Manuel Reigosa, deu conta no seu informe ante os membros do Consello de Goberno, que hoxe celebrou unha sesión ordinaria, deste cambio na dirección do Cinbio, ao tempo que agradeceu a África González o seu labor á fronte do centro de investigación singular de Galicia. A remuda da catedrática do Grupo de Inmunoloxía non foi o único cambio no organigrama da institución académica do que hoxe informou o reitor, que tamén avanzou a nova estrutura da Xerencia trala marcha do vicexerente de Asuntos Económicos, Francisco López Corrales. A partir deste momento, a Xerencia, con Raquel Souto á cabeza, reorganízase cunha Vicexerencia de Contratación e Servizos Xerais, en substitución da de Asuntos Económicos, coa docente e investigadora do Departamento de Dereito Público Patricia Valcárcel á fronte e complétase coa Vicexerencia de Recursos Humanos, que xa existía, baixo a dirección de José González Groba, mentres que Rodrigo Cerviño Rodríguez seguirá ocupando o cargo de director de administración.

Na sesión de Consello de Goberno celebrada este luns as e os integrantes aprobaron a oferta de emprego público do persoal docente investigador do ano 2019 na que 23 prazas corresponden á quenda de promoción interna de catedráticas e catedráticos; outras 23 a profesores titulares e unha máis para profesorado contratado doutor. “Aplicamos os criterios aprobados o ano pasado, segundo os que se podería reservar algunha praza para actuacións estratéxicas da Universidade, aínda que este ano non se reserva ningunha, e o resto dedícanse a continuar baleirando as ‘bolsas’ de acreditados. De novo, faise un esforzo, sobre todo orzamentario e sácase unha oferta, co número máximo de prazas que nos permite a lei”, explica o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado. Manuel Ramos sinala que esta oferta permitirá seguir cubrindo dereitos de promoción do persoal estable, “polo que non supón a incorporación de persoal novo”, atendéndose as necesidades de docencia e investigación, a través dos concursos ordinarios de profesorado contratado. A día de hoxe a cifra de PDI na Universidade de Vigo sitúase arredor dos 1425. En canto á selección de áreas de coñecemento para participar na convocatoria de prazas aprobadas hoxe, o vicerreitor sinala que en relación coas de catedrática ou catedrático “van por lista de acreditados, ordenada por antigüidade na data de acreditación, que xa está aprobada e publicada. Ademais, sácase unha pola cota de discapacidade e esta é a primeira vez que o fai a Universidade de Vigo en prazas de  PDI”, explica Ramos. En canto aos contratados doutor só sae unha praza pendente da OPE de 2017 para a Área de Enxeñaría Aeroespacial “para ir consolidando o cadro de persoal da titulación”, sinala o vicerreitor.

As e os integrantes do Consello de Goberno tamén aprobaron hoxe a posta en marcha, a partir do vindeiro mes de xaneiro de 2020, da primeira edición do Curso de Especialista en Termalismo e Spa, promovido por Campus da Auga e no que ademais da Universidade de Vigo participan entidades galegas e portuguesas. A creación dunha subdirección na Escola Internacional de Doutoramento (EIDO), cargo que ocupará o docente e investigador do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións Marcos Arias e do Regulamento do rexistro electrónico da Universidade de Vigo, foron outros puntos da orde do día que recibiron o visto e prace dos membros do consello.

Unha década despois da súa creación o Cinbio cambia de dirección

“Estiven dez anos como directora do Cinbio e foi un traballo moi duro, pero moi ilusionante, sobre todo a súa consecución como centro de investigación singular de Galicia”, asegura África González, que no momento de dar a remuda da dirección do centro a Miguel Correa, agradece a confianza que nela depositaron as vicerreitoras de Investigación Elsa Vázquez, Asunción Longo e Belén Rubio, así como a da comisionada do Vigo Tecnolóxico, Edita de Lorenzo. Acadada a consolidación do centro, a catedrática de Inmunoloxía afirma que “este é un bo momento para deixar o camiño a outros e creo que Miguel Correa vai facer un magnífico traballo e por suposto conta con todo o meu apoio”, ao tempo que recoñece que estaba a ser moi complicado compaxinar docencia, investigación e xestión. “Este ano solicitamos a renovación de Cinbio como centro de excelencia da Xunta e considerei que era un bo momento para pasar a remuda. Síntome moi feliz do conseguido entre todos, que foi un labor de todo o persoal que co seu traballo, esforzo e calidade, levou o centro ao que é agora mesmo”, detalla González, que continuará como presidenta da Sociedad Española de Inmunología, ao tempo que asegura que “teño moitas ideas por desenvolver, polo que non vou esta parada”.

Miguel Ángel Correa asume o cargo de director do Cinbio agradecéndolle a súa antecesora “no nome de todo o centro e no meu particular, o tremendo traballo que realizou ata agora”. O docente e investigador do Departamento de Química Física asegura que o posto representa “unha gran responsabilidade ante todo o persoal do Cinbio e ante as persoas que depositaron a súa confianza en min para continuar co traballo desenvolvido por África”. Correa-Duarte apunta a consolidación do Cinbio como centro de excelencia investigadora, como o principal obxectivo no horizonte, “para o que teremos que asumir o reto de aumentar a competitividade do centro, para o que será fundamental a implementación de novas estratexias que permitan atraer talento investigador e reter o novo que temos na Universidade”. En canto ao que o investigador de TeamNanoTech considera que pode achegar á dirección do Cinbio, sinala “moitas ganas de traballar, seguir o camiño iniciado por África e xestionar o talento que temos no centro para situalo nun lugar destacado, tanto nacional, coma internacionalmente”, enumera.