O DOG publica a aprobación do proxecto para eliminar un treito de concentración de accidentes na estrada PO-551, en Domaio, no concello de Moaña

Actuarase no tramo entre o paso de peóns da travesía de Meira, á altura do centro de saúde, e a intersección coa vía provincial EP-1103, á saída de Domaio

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do expediente de información pública e do proxecto construtivo para eliminar un tramo de concentración de accidentes na estrada PO-551, en Domaio, no Concello de Moaña.

A información relativa a este anuncio pode ampliarse a través do seguinte enlace ao DOG: https://bit.ly/31qR2l3.

Esta intervención conta cun orzamento de case 570.000 euros, dos que preto de 78.000 euros se corresponden co importe das expropiacións.

Actuarase no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 27+760, no paso de peóns da travesía de Meira á altura do centro de saúde, e o 32+670, na intersección coa vía provincial EP-1103, á saída de Domaio.

Os traballos previstos centraranse na mellora de interseccións como a da área recreativa da Cerradiña ou a do porto de Domaio, na que se executará una glorieta. Esta última permitirá os xiros en condicións seguras nese punto e contribuirá ao calmado do tráfico.

Tamén se acondicionarán os pasos de peóns, con sinalización intelixente para facilitar a súa percepción. Así, instalaranse sinais verticais luminosas e puntos de luz específicos para o seu alumeado con detectores de presenza de peóns. Ademais limitarase o aparcadoiro nos 10 metros anteriores para aumentar a súa visibilidade.

O proxecto contempla a construción de dous novos pasos de peóns, un no punto quilométrico 29+225, xunto á parada de bus, e outro no 29+540, para o cruzamento dunha futura senda. As obras tamén mellorarán o paso de peóns da travesía de Meira, fronte ao centro de saúde.

Renovaranse as barreiras de seguridade e reporanse algúns sinais verticais, que serán substituídos por outros de maior retroreflectancia co fin de facilitar a percepción da estrada en horario nocturno. Tamén se colocarán bandas transversais de alerta á entrada da travesía de Domaio desde Rande.

Achegas incorporadas ao proxecto
A Xunta, tras a análise das alegacións presentadas, incorporou no proxecto a posibilidade de xirar á esquerda no punto quilométrico 31+630 desde a estrada PO-551 para acceder á estrada provincial EP-1103.

Ademais, na contorna da nova glorieta proxectada no punto quilométrico 31+580, ampliarase o ancho da beirarrúa anexa á edificación existente na marxe dereita.

Cómpre precisar que durante a execución da obra e de acordo cos criterios de funcionamento da estrada, determinarase o punto exacto máis adecuado para situar o cruzamento peonil no p.q. 31+920.

Este proxecto tamén está a coordinarse coa execución dunha senda peonil e ciclista na estrada PO-551, no treito entre A Moureira e Palmás.

No seguinte plano amósase a glorieta prevista no acceso ao porto de Domaio.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM