O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Dirección Xeral de Mobilidade que establece que a partir de mañá, día 1 de xullo, deberán repoñerse o 100% os servizos de autobús de competencia autonómica que se realicen dentro dunha mesma provincia. No caso dos servizos que operen entre provincias, a oferta de expedicións debe situarse, como mínimo, no 80%.
O obxecto desta resolución é garantirlle á cidadanía o acceso aos principais servizos básicos e aos centros e traballo, unha vez superadas as restricións de mobilidade derivadas da covid-19. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse toda a información:
Así, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade impulsa a recuperación dos servizos públicos de transporte de viaxeiros de titularidade autonómica, de xeito que acaden a súa normalidade plena os servizos intraprovinciais e os interprovinciais dean o paso a un nivel de prestación equivalente ao que actualmente xa estaban a prestar os primeiros.
De acordo coa resolución publicada hoxe, o volume dos servizos de autobús que desenvolvan a súa actividade dentro dunha mesma provincia deberán prestarse segundo as condicións das concesións e contratos vixentes, recuperando así o 100% da oferta.
En canto os servizos públicos de transporte de viaxeiros de uso xeral que teñan tráficos interprovinciais, as concesionarias deberán adaptar tamén a súa oferta para a prestación dun mínimo do 80% dos servizos que deberían prestar en condicións de normalidade. O obxectivo é garantir á cidadanía o acceso aos principais servizos básicos e centros de traballo.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Dirección Xeral de Mobilidade desenvolve así as medidas aprobadas na orde aprobada o pasado día 6 de maio para os servizos de transporte público de viaxeiros de titularidade autonómica, co obxectivo de realizar unha transición progresiva ao levantamento das restricións por mor do covid-19.
Ocupación dos taxis
En canto aos servizos de taxis, o pasado sábado publicouse unha orde da Consellería de Sanidade pola que, entre outras cuestións, se flexibiliza a ocupación dos transportes públicos de viaxeiros en vehículos de ata nove prazas, incluído o condutor.
Segundo se establece nesta orde, permítese a ocupación de todas as prazas de taxi e vehículo de turismo con condutor, incluído o asento contiguo ao condutor: poderán desprazarse tantas persoas como prazas teña o vehículo, aínda que sempre se ocupará en último lugar as prazas da fila do condutor. Mantense o uso obrigatorio de máscaras por todos os ocupantes, tal e como rexe no transporte público en xeral.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.