O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o Decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para a eliminación dun treito de concentración de accidentes na estrada PO-552, entre a glorieta de conexión coa AG-57 e Sabarís, nos Concellos de Nigrán e Baiona.
Esta intervención da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade dispón dun investimento autonómico de máis de 400.000 euros e fai necesaria a expropiación de 10 predios, destinándose unha partida de preto de 18.000 euros ao pagamento dos terreos.
No seguinte enlace ao DOG, pódese ampliar a información: https://bit.ly/2tKA5lm .
Trátase dunha actuación que define a execución dos traballos de mellora da seguridade viaria e a eliminación dun treito cualificado como “punto negro” no tramo da estrada Vigo-Tui, comprendido entre os puntos quilométricos 10+740 e 13+440.
Este proxecto está redactado no marco da estratexia que está a desenvolver o departamento de Infraestruturas da Xunta para intentar reducir os tramos de concentración de accidentes da rede autonómica de estradas.
Os traballos previstos neste tramo consistirán na mellora de interseccións nas que se produce unha maior parte dos accidentes neste tramo. Executaranse cambios de sentido e habilitaranse carrís centrais de espera para facilitar os xiros á esquerda nas interseccións que teñen suficiente visibilidade, e reordenaranse os xiros naquelas interseccións que non teñen a visibilidade necesaria para garantir os xiros nas desexables condicións de seguridade.
Máis en concreto, executarase unha semiglorieta na intersección do punto quilométrico 10+740, para facilitar os cambios de sentido, e unha nova glorieta no punto quilométrico 11+150, que se corresponde coa rúa Rans, incorporada ao proxecto tras a información pública.
Tamén se mellorará a intersección existente no punto quilométrico 11+500 co camiño Carballal, coa execución dun carril central de espera e semiglorieta, e se reordenará a intersección coas rúas Cruceiro e Sarmiento, coa execución dun carril central de espera. A actuación inclúe a sinalización dun cambio de sentido na intersección coa rúa Manuel González Prado, a execución dunha nova glorieta na intersección coa rúa Valle Inclán e a reordenación da intersección coa rúa Romana.
Ademais executaranse pequenos tramos de beirarrúas complementarios á mellora das interseccións, reforzarase a sinalización dos pasos de peóns do tramo para facilitar a súa percepción. E, finalmente, instalaranse balizas entre os puntos quilométricos 13+180 e 13+440, para evitar o estacionamento indebido en varios accesos situados na marxe esquerda na Avenida Foz do Miñor, que reducen a súa visibilidade.
No marco do Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2016-2020, a consellería está a desenvolver unha estratexia para intentar reducir ata 2020 a accidentalidade dos treitos cualificados coma tramos de concentración de accidentes das estradas de titularidade autonómica.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.