O Doutor Fernández Lorenzo nomeado persoal emérito do servizo galego de saúde

Este nomeamento, o primeiro da Área Sanitaria de Vigo na última década, supón o recoñecemento do prestixio deste profesional sanitario recentemente xubilado
Publicado por o día 04/09/2020 na sección de Galicia,Salud,Sanidad,Vigo

O Doutor Fernández Lorenzo nomeado persoal emérito do servizo galego de saúde

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha Resolución pola que se nomea persoal emérito do Servizo Galego de Saúde ao Dr. José Ramón Fernández Lorenzo. Trátase do primeiro “emérito” da Área Sanitaria de Vigo na última década.

O doutor Lorenzo, ex xefe do servizo de Pediatría da area viguesa, xubilouse no pasado mes de xuño tras máis de 40 anos de exercicio profesional na súa especialidade. Este nomeamento supón recoñecer o prestixio deste profesional sanitario que continuará a exercer como director científico do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, cargo que viña desenvolvendo nos últimos séis anos. Ata o de agora a única profesional emérita desta área era a Dra. Carmen Navarro, que precisamente foi a súa predecesora na dirección do Instituto de Investigación.

O Dr. Lorenzo foi o artífice da transformación e potenciación da atención pediátrica na área viguesa -a que atende a maior poboación infantil de Galicia-; de xeito paralelo, ten impulsado o salto de calidade na xestión e organización da investigación sanitaria, así como promovido o crecemento na docencia no grao de Medicina.

A xerencia da Área Sanitaria de Vigo felicítalle por este nomeamento, que supón un respaldo a súa aposta polo eido investigador, nestes momentos no que o labor científico é fundamental.

Aproveitar a experiencia

Na Resolución da Consellería de Sanidade, ademais do doutor Lorenzo, noméase tamén a outros dous eméritos de diferentes áreas sanitarias.

Con estas designacións preténdese recoñecer o prestixio e a importancia destes profesionais sanitarios xubilados, así como facilitar -durante o período de tempo establecido- a existencia dunha relación activa coa institución sanitaria de adscrición, realizando funcións de consultoría, asesoría e formación, aproveitando desa forma a experiencia e os coñecementos adquiridos durante a vida laboral previa á súa xubilación. Este nomeamento ten vixencia durante un período dun ano prorrogable a outro mais.

Comentar noticia

Your email address will not be published.