O emprego creado en Galiza o pasado mes de xullo foi temporal, precario e no sector Servizos

Rexístranse 24.390 persoas desempregadas máis que no mesmo mes do ano pasado

O emprego precario e estacional, no sector Servizos, paliou temporalmente a gravísima situación do mercado laboral en Galiza, onde se rexistraron, segundo o SEPE, un total de 175.311 persoas desempregadas no mes de xullo. Aínda que hai 9.343 paradas e parados menos que no mes anterior, o incremento do número de persoas desempregadas foi de 24.390 respecto do mesmo mes do ano pasado.

A dependencia do mercado laboral do sector Servizos é tal que das 9.343 persoas desempregadas menos que se rexistraron en xullo, un total de 7.614 (o 81,49%) correspóndense con este sector.

A precariedade queda tanto máis retratada ao revisar a contratación. Aínda que o desemprego só se reduciu en pouco máis de 9.000 persoas, asináronse en xullo un total de 86.407 contratos. Unha cifra que supón un incremento de 31.993 respecto do mes de xullo. Porén rexistráronse 34.691 menos que en xullo de 2019 (-28,65%).

O grave é que o 92,5% dos contratos foron temporais (79.926), asinados maioritariamente no sector Servizos, onde se rexistraron un total de 65.465 que representan, á súa vez, o 75,8% do total de contratos temporais.

Diante deste panorama, o secretario confederal de Emprego, Fran Cartelle, advirte que, aínda co cativo descenso do paro que se produciu o mes pasado,  hai moitas máis persoas desempregadas que en xullo do ano pasado e que o pouco que se creou é puramente estacional e precario.

Por iso, para combater esta situación, exixe, máis unha vez, a derrogación das reformas laborais e un plan de emprego e de industrialización en Galiza “que reverta o desmantelamento do tecido produtivo e solvente os graves problemas da nosa industria, nomeadamente das electrointensivas, o sector naval, o do automóbil ou as consecuencias derivadas do proceso de descarbonización, entre outras”. Cartelle considera que “só así se poderá crear emprego estable e digno en Galiza” e favorecer a recuperación da nosa economía.

Fronte a isto, denuncia a “inacción da Xunta” ante a crise industrial e social que padece o noso país e a advirte ademais da necesidade de mudar as políticas para enfrontar as consecuencias dunha pandemia que agravou aínda máis a situación que xa tiñamos.

O secretario confederal de Emprego alerta, xunto a isto, da maior precariedade e pobreza laboral que poden provocar as reformas que xa se albiscan como condición para acceder ao fondo de reconstrución. “Máis aínda cando todo parece indicar que unha das condicións impostas é a non derrogación das reformas laborais, tan lesivas para as condicións de vida das traballadoras e traballadores galegos. Pareceríanos moi grave que o goberno accedera a iso”, conclúe.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario