O Entroido incluirá grandes concertos e actividades para todos os públicos durante cinco días

O alcalde de Vigo cualificou esta mañá de “magnífico” o Entroido de 2019, con grandes concertos -Chenoa, Sidecars, Toni Lomba & Elio dos Santos e Herdeiros da Crus-, ademais de actividades diarias para público de todas as idades. O sábado será o día do desfile de comparsas e o luns todos aqueles que o desexen poderán participar no concurso de disfraces que se organizará diante do MARCO.
Publicado por o día 27/02/2019 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Entroido incluirá grandes concertos e actividades para todos os públicos durante cinco días

O programa do Entroido arranca o venres 1 de marzo ás 18,00 coa animación do grupo “Futurismo galáctico” por distintas zonas da cidade, ás 20,00 h se entronizará o MECO, na Porta do Sol, onde comezará o concerto de Chenoa ás 20,30 h. O día seguinte, a animación chegará ás 17,00 horas, como antesala do desfile de comparsas e carrozas que comezará ás 18,00 na rotonda de Isaac Peral cara a Porta do Sol, pasando por García Barbón e Policarpo Sanz. Ás 22,30 h será cando a música de Sidecars soe no escenario situado preto do Sireno.

Empezará deportivo o domingo, coa V Carreira Popular do Entroido Concello de Vigo. Ás 10,00 h será a quenda infantil, na rúa Príncipe, e ás 11,00 h comezarán as modalidades absolutas co seguinte percorrido: Porta do Sol, Elduayen, Paseo de Alfonso XII, Pi i Margall, López Mora, Camelias, Romil, Cachamuíña, Ronda don Bosco, Progreso, Doctor Cadaval e Porta do Sol. Pola tarde volverá a animación de rúa, con charangas por diferentes rúas da cidade, ao tempo que na Porta do Sol os máis pequenos presenciarán a actuación de “Abordaje Pirata”. Ao rematar, terán a oportunidade de gozar dunha chocolatada.

Os nenos e nenas volverán ser protagonistas o luns, con obradoiros infantís e outra chocolatada na Porta do sol, a partir das 17,00 e 18,00 h, respectivamente. O tradicional concurso de disfraces será o martes 6 de marzo, diante do MARCO, e contará con animación musical. Para a categoría infantil -ata 13 anos – (individual e grupo conxuntado), o horario de inscripción será de 16,30 a 17,30 h. Os aspirantes na categoría xeral -a partir de 14 anos – terán que inscribirse logo das 18,30 h. A partir das 21,30 h, chegará o momento de queimar o MECO, e na Porta do Sol poderemos gozar da música dos vigueses Tony Lomba e Elio dos Santos. Máis tarde, tamén se subirán ao escenario Herdeiros da Crus.

O Entroido 2019 rematará o mércores 6 de marzo coas exequias funerarias solemnes das comparsas e o acompañamento e dó da comitiva que sairá da Porta do Sol cara Príncipe, para pasar polas rúas Colón e Policarpo Sanz para voltar á Porta do Sol onde terá lugar o sepelio do MECO cos seus correspondentes oficios laicos -responsos e sermóns incluídos -. Para rematar, farase lectura da acta do xurado do concurso de comparsas e carrozas e procederase á entrega de premios.