O envío das coordenadas mediante Whatsapp permite localizar un conductor que sufriu un accidente en Navia de Suarna

Publicado por o día 24/01/2021 na sección de Telefonía,Sucesos

O envío das coordenadas mediante Whatsapp permite localizar un conductor que sufriu un accidente en Navia de Suarna

Un condutor necesitou axuda despois de caer por un terraplén cando circulaba pola LU-P-3501, á altura da parroquia de Galegos, no concello lucense de Navia de Suarna. Os equipos de emerxencia puideron acceder ao punto onde se atopaba grazas ao envío da súa localización a través do sistema instantáneo de mensaxes, Whatsapp.

Ocorreu ao fío das 23:00 horas cando un familiar chamou ao 112 Galicia para informar do sucedido. Durante a comunicación cos xestores de emerxencias, indicaba que o condutor do vehículo sufrira unha saída de vía e caera por un desnivel pero que non sabía en cal punto da estrada se atopaba.

Dese xeito, os profesionais do 112 Galicia solicitaron o envío das coordenadas a través do Whatsapp e puxeron esa información a disposición dos equipos de intervención. Así, os Bombeiros de Sarria e os efectivos do GES de Becerreá puideron acceder ao lugar do accidente e comprobar o estado do ferido.

Para prestarlle asistencia médica, desde o 112 pasouse aviso aos profesionais sanitarios. Unha vez no lugar, o equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, evacuou o condutor ata o Hospital Universitario Lucus Augusti.

A intervención dos axentes da Garda Civil de Tráfico tamén foi solicitada para garantir as condicións de seguridade na vía.