O equipo de Igualdade e diversidade do IES Politécnico presenta a II Semana da Diversidade LGBTIQA+

O Equipo de Igualdade e Diversidade do IES Politécnico diante do 17 de maio “Día internacional contra a Homofobia, a Bifobia e a Transfobia” organiza a II Semana da Diversidade LGBTIQA+
Publicado por o día 16/05/2018 na sección de Educación,Eventos,Galicia,Vigo

O equipo de Igualdade e diversidade do IES Politécnico presenta a  II Semana da Diversidade LGBTIQA+

A segunda edición da Semana da diversidade LGBTIQA+, organizada no IES Politécnico de Vigo entre o 21 e o 25 de maio, desenvolve un amplo programa de actividades educativas e lúdicas que inclúen un ciclo de conferencias, a representación dunha obra de teatro, un festival de curtas e unha exposición fotográfica.

No ciclo de conferencias participaran Cristina Palacios presidenta da Asociación Arelas, Laura Bugalho activista, Eva Mejuto escritora e a profesora e experta en raza e xénero Esther Ortega. O venres pecha o ciclo a obra de teatro “Elisa e Marcela” da compañía A panadería galardonada recentemente nos Mestre Mateo.

O equipo de Igualdade e Divversidade considera unha iniciativa importante e pioneira para dar a coñecer a todo o alumnado a realidade referida á diversidade sexual e de xénero, un tema esquecido polos temarios oficiais. Compre lembrar que a LEI 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia recolle no seu capítulo V a necesidade de incorporar medidas efectivas no ámbito eductivo para rematar coa discriminación por razón de orientación sexual. Neste marco traballouse desde diferentes departamentos materiais didácticas a respecto da diversidade sexual durante todo o curso e a II Semana da Diversidade é a culminación de todo este traballo educativo.

Asemade o equipo aprovita esta Semana para comprometer a toda a comunidade educativa no apoio a todas as formas de diversidade sexual e de xénero e o seu rexeitamento a calquera tipo de comportamento o actitude que vaia en contra das persoas homosexuais, bisexuais ou transexuais.

O xoves pola tarde celebrarase a 1ª EDICIÓN da MECOPOL – Mostra Educativa de Curtas con Orgullo do Politécnico de Vigo, aberta ao público até completar aforo.

Trátase do primeiro festival escolar de cine LGTBIQA, xurdido desde o tratamento transversal do principio de aceptación e inclusión da diversidade afectivo-sexual e de xénero na materia Cultura Audiovisual II. Esta mostra audiovisual pretende combater a discriminación por razón de orientación sexual ou identidade de xénero, favorecendo a visibilidade e a plena inclusión da realidade LGTBIQA nos traballos realizados polo

alumnado. A idea trata de compensar e reverter a profunda invisibilidade cultural histórica pola carencia de personaxes e ficcións protagonizadas por persoas non heterosexuais, a inserción moitas veces capciosa de personaxes LGTB desde un punto de vista negativo ou tráxico e, por todo iso, a falta de referentes positivos e reais. Deste xeito, creando nova cultura poderase transformar a sociedade para que a sociedade sexa unha fonte diversa e múltiple de inspiración da cultura.