O equipo de orientación da Universidade acada dous bronces na segunda fase do Campionato de España

Mentres, os equipos feminino absoluto e masculino A de tenis xogarán a fase de ascenso
Publicado por o día 21/05/2018 na sección de Universidade de Vigo

O equipo de orientación da Universidade acada dous bronces na segunda fase do Campionato de España

Novo éxito para o equipo de orientación da Universidade de Vigo, que na segunda fase do Campionato de España celebrado a pasada fin de semana en Soria, acadou dúas medallas de bronce na categoría Veteranos C. Carles Abad e Ana Iglesias, como integrantes dos conxuntos de remudas mixtas que representaban a Galicia, gañaron cadansúa medalla de bronce na probas disputadas por cada equipo, formado por dous homes e dúas mulleres, e nas que a técnica e a velocidade resultaron determinantes para acadar os metais.

Pola súa banda, na categoría de distancia longa, na proba celebrada o sábado nun bosque cun acusado desnivel e na que a técnica co compás xogaron un papel predominante, Brais Piñeiro, actual campión galego universitario, en categoría M21A, finalizou en sétima posición. Mentres, Carlos Abad remataba en décimo primeiro lugar na categoría M60 e Ana Iglesias foi quinta en F50.

Xa o domingo, na proba de media distancia, non puntuable para o Campionato de España, pero si para a Liga Española de Orientación a Pé, que se celebrou no concello de Navaleno, Abad na categoria M60 acadou a oitava posición e María Ángeles García rematou sexta en F55.

Dous equipos de tenis na loita polo ascenso á división de ouro

Polo que respecta aos equipo feminino absoluto e masculino A de tenis da Universidade, ambos os dous loitarán polo ascenso á división de ouro do tenis galego. Mentres, o equipo masculino B, que perdeu ante o Tenis Gondomar, quedou no 4º posto da clasificación, terá que pelexar por manterse na 1ª categoría.

O equipo feminino, logo de gañar o pasado xoves ao Tenis Clube Arousa Fontecarmona por 4-1, impúxose o sábado ao Naútico de Vigo por 3-2. Neste partido xogaron Adriana López, Marta Saburido, Lucia Estévez e Sheila Bacelo. Pola súa banda, o equipo masculino A disputou o domingo o seu derradeiro encontro fronte ao Tenis Ponteareas, ao que venceron ao finalizar os individuais por 4-1.

Títulos para os senior e sub14 e subcampionato do sub16 na Copa Xunta de Rugby

Na Copa Xunta de Rubgy en modalidade Seven, celebrada o pasado 17 de maio en Lalín, os equipos sénior masculino e sub14 do Kaleido Universidade de Vigo proclamáronse campións tras derrotar, en ambos os dous casos na final ao CRAT A Coruña. Pola súa banda os sub16 do equipo vigués lograron o subcampionato tras caer ante o Pontevedra RC na final.

En categoría feminina, o campionato foi para o CRAT A Coruña.