O equipo de Orientación regresa de Valdeorras con nove medallas no peto

A liga rematará en decembro cunha competición en Betanzos
Publicado por o día 18/11/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

O equipo de Orientación regresa de Valdeorras con nove medallas no peto

Máis que exitoso. Así foi a fin de semana para o equipo de Orientación da Universidade de Vigo, que se desprazou á comarca de Valdeorras para disputar as dúas últimas probas da liga galega de orientación a pé, dúas probas das que as corredoras e corredores do equipo regresaron cun total de nove medallas e un meritorio cuarto posto.

O equipo da Universidade de Vigo aproveitou a celebración destas probas para mellorar e afianzar as súas posicións na clasificación final da liga. Na proba de distancia media, celebrada o sábado pola mañá na localidade de Éntoma, Diego Pérez conseguiu  a medalla de ouro na categoría M-14 e Ana Iglesias (F-40), Begoña Crespo (F-45), Vicente Pastoriza (M-40) e José Luis Armada (M-45) conseguiron cadansúa prata, ademais dun rifado cuarto posto na categoría M-45 para Germán Pérez. Xa pola tarde no Barco, na categoría de sprint,  Diego Pérez, volveu a repetir o liderado con outro ouro en M-14, ouro que nesta ocasión tamén conseguiron Ana Iglesias (F-40) e Begoña Crespo (F-45). A estas medallas houbo que sumar unha prata acadada por Germán Pérez na categoría de M-45.

300 participantes procedentes de toda España

Estas probas disputáronse dentro do denominado Trofeo Camiño de Inverno e nelas participaron uns 300 participantes chegados desde toda Galicia (Porto do Son, As Pontes, Lugo ou os anfitrións do Barco), Castela e León, Asturias ou incluso Valencia. “O percorrido de distancia media transcorreu nunha contorna de bosques cun colorido outonal espectacular e ladeiras con viñedos centenarios, plasmados nun plano cun marcado carácter técnico sobre o que as e os participantes con aspiracións de podio tiveron que tomar decisións rápidas sobre a elección da ruta, así como demostrar bo ollo para elixir os puntos de ataque en cada un dos controis”, explica José Luis Armada, coordinador do equipo, ao que engadiu que todo isto houbo que combinalo cun coidado estremo nas transicións “pois o terreo estaba moi inestable e esvaradío debido á choiva caída nos últimos días”.

A proba de sprint arrancou no pavillón de Calabagueiros e transcorreu logo pola praia fluvial e o peirao. “O plano combinaba a contorna natural e a urbana nun percorrido rápido e áxil, pero con non poucos cambios de rumbo que complicaron as transicións dos orientadores”, recalcou Armada.