O equipo de rugby refórzase esta tempada con cinco xogadores de Nova Celandia

A campaña de captación de socios está aberta ás persoas interesadas
Publicado por o día 12/09/2018 na sección de Universidade de Vigo

O equipo de rugby refórzase esta tempada con cinco xogadores de Nova Celandia

Ante o inminente comezo da competición oficial, as instalacións deportivas do campus de Ourense acolleron este martes a presentación do equipo sénior do Campus Universitario Ourense Rugby. Nel destaca a incorporación de cinco novos xogadores procedentes de Nova Celandia. Trátase de Sam Shearer, Reuben Spicer, George Stratton, Tuuta Simaile e Zach Clarke.

A presentación contou coa participación de Ana Mª Torrado, directora da Área de Dinamización Cultural; Alfonso Mandado, director de Área de Benestar, Saúde e Deportes da Universidade de Vigo, e Rodrigo Alberte, responsable da Área de Benestar, Saúde e Deportes no campus de Ourense. Trala presentación, os xogadores, incluídas as novas incorporacións, adestraron xa ás ordes no adestrador do Campus Universitario Ourense Rugby, David Monreal. O equipo ourensán volverá a competir na división de honra B do rugby estatal, onde tamén xoga o Kaleido Universidade de Vigo de Rugby. Precisamente, sinalan desde o club ourensán, a competición arrancará o vindeiro domingo, día 16, cun encontro entre os dous equipos da institución académica en Vigo.

O club ourensán tamén ten un ano máis en marcha a súa campaña de captación de socios, salientando a importancia que ten para o equipo este apoio da afección. Así, convidan aos xa socios a renovar o seu compromiso coa entidade e aos que non o son a “formar parte deste gran club” para “vivir a paixón deste deporte con nós”.