O espírito deportivo e solidario anima as celebracións de Santa Bárbara

Durante o evento fíxose unha recollida de alimentos que serán doados a comedores sociais
Publicado por o día 29/11/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

O espírito deportivo e solidario anima as celebracións de Santa Bárbara

A Escola de Enxeñaría da Enerxía e de Minas celebra estes días a súa patroa, Santa Bárbara, e faino non só coa organización de múltiples actividades culturais, senón tamén con deporte e solidariedade. Este venres a mediodía foi a quenda nas instalacións deportivas do campus da súa xa tradicional carreira popular, unha cita na que participaron arredor de medio cento de persoas, tanto alumnas e alumnos do centro, como persoal docente e investigador e de administración e servizos, incluída a propia directora da escola, Elena Alonso.

Animados polo bo tempo, antes de comezar a carreira o alumnado da escola participou nunha procesión con gaiteiro e tamborileiro na que pasearon  a Santa Barbie, unha maqueta adaptada para a ocasión polo propio estudantado e, unha vez iniciada a carreira, as e os participantes dérono todo nunha cita na que o que menos importaba eran os resultados deportivos, senón gozar do día e reunir entre todos un bo número de alimentos non perecedoiros que serán doados a comedores sociais de Vigo.

A xornada, organizada pola Delegación de Alumnado, rematou no pavillón universitario coa entrega de trofeos, incluídos os dos diferentes torneos deportivos que se disputaron onte xoves e que incluíron, entre outros, fútbol sala, baloncesto e voleibol.

Para a vindeira semana: entregas de premios e concerto de De Vacas

Dentro dos actos de celebración da patroa, o centro acollerá o vindeiro martes e mércores diferentes actividades. O martes o programa comezará co relatorio Apuntes sobre a transición enerxética en España, impartido por Juan José Fernández Díaz, decano do Colegio de Ingenieros de Minas del NW, Coimme. A continuación, ás 12.45 horas, terá lugar a sesión informativa Saídas profesionais na enxeñaría de minas. A profesión regulada de enxeñeiro/a de minas, impartida tamén por Juan José Fernández Díaz. Para concluír, ás 13.00 horas, o Colegio Oficial de Ingenieros de Minas del Noroeste de España fará entrega do I Premio ao mellor expediente de acceso ao Máster universitario en Enxeñaría de Minas desde o Grao en Enxeñaría da Enerxía e do I Premio ao mellor expediente de acceso ao Máster universitario en Enxeñaría de Minas desde o Grao en Enxeñaría dos Recursos Enerxéticos e Mineiros.

O mércores día 4 o centro acollerá este xoves no seu vestíbulo principal o acto de entrega ás categorías sénior e júnior dos Premios do concurso de fotografía Enfoca.RME e, xa pola tarde, terá lugar no Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria do concerto do grupo galego De Vacas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.