O Estadio de Riazor estrea mañá 122 colectores para a recollida selectiva de residuos grazas ao acordo entre Xunta e Ecoembes

O obxectivo é promover a separación e recuperación dos envases lixeiros, papel e cartón que se consuman nas instalacións do Real Club Deportivo de A Coruña e concienciar á vez aos seus afeccionados sobre o coidado do medio ambiente
Publicado por o día 15/12/2018 na sección de Medio Ambiente

O Estadio de Riazor estrea mañá 122 colectores para a recollida selectiva de residuos grazas ao acordo entre Xunta e Ecoembes

O Estadio Abanca Riazor do Real Club Deportivo de A Coruña estreará mañá 122 contedores e papeleiras para favorecer a recollida selectiva de envases lixeiros, papel e cartón entre os seus socios e afeccionados. Concretamente e con motivo do partido que disputará o Deportivo contra o Zaragoza Club de Fútbol, poderanse utilizar por primeira vez 56 contedores con anclaxe, 44 contedores para a recollida selectiva de envases de 120 litros cada un, 10 recolectores cunha capacidade total de 800 litros e 12 cubos que estarán localizados nas oficinas.

Esta iniciativa é unha das accións incluídas no Plan de Reciclaxe Galicia, que comezou a desenvolverse o ano pasado e no que se mobilizarán máis de catro millóns de euros. O plan enmárcase á súa vez no convenio marco subscrito entre a Xunta e a organización sen ánimo de lucro Ecoembes no que se fixan os compromisos que rexerán para ambos ata 2021 en relación á recollida selectiva de envases e co que se pretende contribuír a impulsar a economía circular na comunidade e, especificamente, no eido deportivo da alta competición.

Neste sentido, o ano pasado realizouse un investimento de 200.000 euros en distintos tipos de accións para promover a separación de envases lixeiros, papel e cartón en clubes e instalacións vencelladas a distintas disciplinas deportivas.

Así, ademais do Deportivo, o Liceo Hockey Coruña, o Santiago Futsal, o CD Obradoiro, o Basquet Coruña ou o Real Club Celta de Vigo foron algunhas das entidades beneficiadas por este tipo de actuacións, que teñen en común a busca da promoción da recollida selectiva no interior das súas dependencias deportivas e a concienciación sobre o coidado do medio ambiente entre os cidadáns e afeccionados que as visitan e utilizan.

Reciclaxe de envases en Galicia

En virtude do acordo entre o Deportivo, Ecoembes e a Consellería de Medio Ambiente, as tres entidades promotoras comprométense a traballar en conxunto para seguir incrementando as cantidades recuperadas en Galicia a través de varias accións de sensibilización cidadá. Máis concretamente, prevese a realización de actividades a pé de rúa e talleres dirixidos aos espectadores e afeccionados do club de fútbol.

Todas estas accións, unidas aos novos contedores xa instalados no estadio, facilitarán a socios, afeccionados e empregados do club de fútbol coruñés a reciclaxe de envases no interior das súas instalacións.

Paralelamente, esta colaboración entre Xunta, Ecoembes e entidades como o Real Club Deportivo de A Coruña permitirá tamén seguir avanzando no obxectivo de incrementar as actuais ratios de recuperación dos residuos de envases domésticos na comunidade, un hábito cada vez máis instaurado nos fogares de Galicia.

Así, en 2017 cada galego depositou 10,5 quilos no contedor amarelo (destinado ao plástico, as latas e os briks) e 12,9 quilos no azul (no que se deposita o papel e o cartón), unha media que reflicte o grao de concienciación e compromiso que hai xa na comunidade con respecto á separación en orixe e a xestión sostible dos residuos domésticos. En total, o ano pasado recicláronse no conxunto de Galicia un total de 58.038 toneladas deste tipo de envases, unha contía que supuxo un 2% máis que no ano anterior.