O éxito do pioneiro programa ContaComigo Ribadumia supera todas as expectativas

Por o 13/04/2018 | Sección: Galicia
O éxito do pioneiro programa ContaComigo Ribadumia supera todas as expectativas
Compartir en:

O Concello de Ribadumia informa de que xa son máis de 20 os establecementos e servizos que se adheriron ao programa Conta Comigo Ribadumia. A campaña, organizada polo Concellería de Servicios Sociais do Concello, supera así as súas expectativas iniciais, o que supón todo un éxito para un programa que pretende ser referencia na loita contra a violencia de xénero.

Os participantes recibirán unha formación individualizada de cinco horas, repartida en varias sesións, que os capacitará para actuar como puntos de seguridade en caso de producirse algunha situación de violencia de xénero. Información sobre como derivar ás vítimas, avisar ás autoridades ou órganos competentes e reaccionar ante diferentes situacións, así como algúns apuntes de psicoloxía que axuden a donos e traballadores dos puntos de seguridade a actuar ante casos deste tipo serán as cuestións principais a tratar no curso. Ademais, tras esta formación, establecementos, taxis, asociacións, etc. declararanse “Espazos de Non Violencia”, identificados cun adhesivo como puntos de seguridade da rede Conta Comigo.

Non obstante, o Programa  “Conta Comigo Ribadumia” continúa traballando para acadar os obxectivos previstos. Neste sentido, xa se está traballando na creación dunha rede de voluntarios e voluntarias que completarán este proxecto.  Neste caso, formarase en materia de violencia de xénero, procedementos de acompañamento e protocolo de seguridade. Así mesmo, as persoas voluntarias formarán un grupo que irá rotando no caso de solicitude de acompañamento a vítimas de violencia de xénero. Todas as persoas que queiran participar nesta iniciativa poden apuntarse ou solicitar máis información nos teléfonos do Concello (986 71 84 91/99), na páxina web do programa (contacomigoribadumia.com) ou nas redes sociais.

Coa iniciativa “Conta Comigo”, o Concello de Ribadumia pretende non só sensibilizar a tódolos veciños en materia de violencia de xénero, senón tamén dar un paso máis para construír unha rede cidadá que se comprometa persoal e socialmente contra os malos tratos dende unha perspectiva positiva, destacando o apoio e a solidariedade coas vítimas.