O exitoso espectáculo “Invisibles” continúa a súa xira por Galicia

Con temática sobre violencia de xénero, está protagonizado polas coñecidas actrices Mela Casal, Sheyla Fariña e Nieves Rodríguez.
Publicado por o día 24/09/2019 na sección de Cultura

O exitoso espectáculo “Invisibles” continúa a súa xira por Galicia

Antes de comenzar a súa xira nacional, a partir de xaneiro de 2020, “Invisibles” o espectáculo de teatro documento sobre violencia de xénero estará nas localidades de: Lalín, A Estrada, Cambados, Ferrol, Boiro, Poio, A Coruña, Bueu, Riveira, Muxía, Oroso, Bergondo, Vilalba, Mugardos, Santa Comba, Vigo, Outes, Tomiño, Caldas de Reis, Lugo, Monforte, Neda, Palas de Reis, Boqueixón, Ponteareas e Redondela.

“Invisibles”, dirixida pola actriz e directora Marián Bañobre, é unha adaptación da novela homónima da periodista Montse Fajardo que relata sete historias reais de violencia de xénero vividas por sete mulleres galegas, usuarias na súa maioría do Centro de Información á Muller do Concello de Pontevedra.

O espectáculo é unha coprodución entre Redrum Teatro, a Concellaría de Igualdade do Concello de Pontevedra, o Centro Dramático Galego e a Deputación da Coruña; e foi a gran triunfadora nos Premios de Teatro María Casares deste ano, acadando os galardóns a Mellor Adaptación, Mejor Dirección e Mejor Iluminación. Este último para a iluminadora Laura Iturralde, converténdose na primeira muller premiada cun María Casares nesta categoría. Recibiu tamén o Premio Luisa Villalta a Proxectos de Igualdade concedido pola Deputación da Coruña.

“Invisibles” está protagonizada por Mela Casal, moi coñecida polo público galego pola súa interpretación como alcaldesa da serie “Mareas Vivas”, polo seu personaxe de Socorrito no programa “Luar” así como polo seu traballo na máis recente “Fariña”; Sheyla Fariña, que protagonizou a serie de TVE “Acacias 38” ou a galega “Serramoura” e Nieves Rodríguez que puidemos ver na súa faceta de presentadora en programas como “Luar” ou “Desde Galicia Para El Mundo” e como actriz en series como “Pazo de Familia” ou “Serramoura”.