“O falaz é negar a evidencia” do deterioro da sanidade pública

Publicado por o día 17/09/2018 na sección de Política,PSOE

“O falaz é negar a evidencia” do deterioro da sanidade pública

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, sinalou hoxe que o PP está “moi preocupado” pola Comisión de Investigación sobre os recortes na sanidade pública e o falecemento do paciente de A Estrada. Así o dixo logo de que o pasado venres saíran tanto o portavoz de Sanidade do PP no Parlamento como o seu secretario xeral a criticar a iniciativa da oposición.

En concreto, logo de que o PP tiladara no Parlamento de “falaz” a crítica unánime da oposición contra os recortes en materia sanitaria, replicoulle que “falaz é negar a evidencia” da situación precaria na que teñen situado ao sector público logo de 9 anos de recortes drásticos. Ironizou co feito de que “se como eles din a situación é inmellorable, entón non terán problema en que investiguemos para que aparezan esas marabillas”.

Advertiu que a cidadanía é moi consciente da perda de calidade sanitaria, os profesionais están en situación precaria, as carreiras profesionais sen desenvolver e os colectivos de afectados ven como non se compren as súas demandas. Moitos concellos galegos vénse, explicou, sen matronas ou con dificultades para recibir atención pediátrica, mentres os centros de saúde que prometeu Feijóo non están por ningures.

Si que lle deu sen embargo a razón ao “inefable Tellado” sobre o protagonismo de Vigo na Comisión de Investigación. Logo de que o secretario xeral do PP “acusara” a BNG e Marea de “plegarse” ás directrices do alcalde vigués, replicoulle hoxe que “a Área Sanitaria de Vigo ten os peores números” de Galicia, logo de ter parte da poboación derivada a un hospital privado durante “demasiado tempo” e padecendo as consecuencias do “experimento” de deixarlle a construción do novo hospital á iniciativa privada.

Por iso “vamos falar de Vigo amplamente” en canto a Comisión sexa constituída, ao igual que “vamos falar da falla dos servizos de Hemodinámica en Lugo e Ourense, ou da supresión das áreas sanitarias de Salnés, Monforte, A Mariña e Valdeorras.

Explicou que os socialistas presentarán no próximo Pleno do Parlamento unha Proposición de Lei para modificar a Lei de Garantías Sanitarias na dirección de reforzar o Sistema público de saúde e frear as derivacións ao sistema privado que o PP quere xeneralizar para deixar ao Sergas como “complemento”. A proposta dos socialistas insta á Xunta a presentar un informe anual coas deficiencias detectadas e as conseguintes medidas correctoras.

Establece ademais que o goberno galego debe presentar tamén “un programa concreto de actuacións co obxecto de minorar as persoas usuarias desprazadas dende o sistema público ao privado”. Finalmente, obriga a facer públicos cada tres meses o número de pacientes en espera e o tempo medio de acceso para cada una das especialidades e por cada centro sanitario.

Educación

O portavoz socialista anunciou que esta mesma semana realizará unha visita ao IES de Brión para secundar as demandas de máis profesorado nun centro que o goberno galego resístese a reforzar a pesares de que conta con 31 alumnos máis neste curso, obrigando ao corpo docente a un sobreesforzo e suprimindo as materias optativas.

Fernández Leiceaga sinalou que se trata dun Concello que viu como aumentou a demanda de educación mentres o goberno galego facía ouvidos xordos e se negaba a dotalo con medios acorde ás novas necesidades. Puntualizou que “non se pode dar pasos atrás nos niveis de calidades dos centros educativos” e instou á Consellería a “avanzar e non retroceder”.

Con relación aos anuncios de oferta de emprego público do goberno galego, Fernández Lecieaga subliñou que a Xunta mantense “por debaixo dos niveis de ambición necesarios e a un ritmo máis ben perezoso”. Lamentou que as promesas sexan “insuficientes” mentres renuncian aos 60 millóns de euros adicionais autorizados pola Comisión de Política Fiscal e Financeira que permitirían cumprir de sobra coas necesidades de persoal.