“O Feminismo saímos de novo á rúa o 16 de maio para denunciar o incumprimento nos orzamentos dos 200 millóns acordados para o Pacto de estado contra a violencia de xénero”

Manifestación Vigo 16 de Maio
Publicado por o día 14/05/2018 na sección de Colectivos Feministas,Social

“O Feminismo saímos de novo á rúa o 16 de maio para denunciar o incumprimento nos orzamentos dos 200 millóns acordados para o Pacto de estado contra a violencia de xénero”

En Galiza houbo 54 feminicidios nos últimos sete anos (neste ano 1 na Galiza e 25 en todo o estado), prodúcese unha agresión sexual cada tres días, 6.500 denuncias por violencia de xénero no 2017.

As mulleres feministas galegas esiximos recursos para a prevención da violencia de xénero. A necesidade de coeducación e a prevención no eido educativo; aumento do número de xulgados de Violencia de Xénero dotados de persoal suficiente e formado sendo ademais imprescindible reformar ditos xulgados para evitar o cruce entre vítimas e agresores; é preciso aumentar os recursos para atención psicolóxica ás vítimas. Todas estas medidas deben chegar tamén as vítimas de violencia sexual.


Para ter recursos precisamos orzamentos.

O Estado Español adoece de falta de vontade política para loitar contra a violencia machista, sen orzamentos non hai compromiso. Lexíslase sobre violencia de xénero, asínanse Convenios Internacionais, acórdanse Pactos de estado …que esmorecen por falta de recursos. Un exercicio de hipocrisía extraordinaria, unha inmobilidade permanente: o patriarcado decorado con papeis mollados. Estamos fartas de ser asasinadas, violadas , agredidas, abusadas, esiximos ao Estado os 200 millóns de euros comprometidos e un aumento dos orzamento anual e que se comprometa a aumentar as partidas orzamentarias cada ano.

Na Galiza hai convocadas 13 mobilizacións e siguem a sumarse. En Vigo sairemos o 16 de maio ás 20:00h en manifestación dende o cruze de Via Norte.

Debemos contestar a este goberno machista, indolente e que nos engana. Sen o diñeiro prometido non se poderá facer política feminista. Señores e señoras do goberno, señor Rajoy, señora Dolors Monserrat, señor Feijoo. Canto valen as vidas das mulleres?

A loita segue, Vémonos nas rúas.

Nin unha menos!

Compromiso = Orzamento

Contra as violencias machistas, loita Feminista!