O Festival de Cans acollerá ata 9 estreas nas súas seccións de Furacans e ExtraCans, as que amosan as narrativas máis arriscadas

Entre as obras estará a multipremiada “Carne”, da brasileira Camila Kater, unha das curtas do ano con máis de 50 premios internacionais.
Publicado por o día 21/08/2020 na sección de Cultura,Galicia,O Porriño

O Festival de Cans acollerá ata 9 estreas nas súas seccións de Furacans e ExtraCans, as que amosan as narrativas máis arriscadas

A O Festival de Cans acollerá na súa XVII edición ata nove estreas de curtametraxes, entre as súas dúas seccións nas que se amosan as narrativas audiovisuais máis arriscadas. Por un lado a sección oficial Furacáns, centrada nas curtametraxes de non ficción, e na que competirán sete obras e por outra parte na sección internacional ExtraCans, na que se proxectarán cinco curtametraxes chegadas de cinco países diferentes.

Esta sección ExtraCans promove a conexión de directores e directoras de outros países con profesionais galegos de diversos ámbitos que foron nexos claves no desenvolvimento destas obras. Entre estas obras estará “Carne” da brasileira Camila Kater, unha singular e crítica reflexión sobre o corpo da muller, que é sen dúbida unha das curtas do ano, e leva acadado xa máis de 50 premios internacionais en países de todo o mundo. A obra está producida pola galega Chelo Loureiro, coa música de Sofía Oriana Infante.

Outras obras que se poderán ver nesta sección paralela son “Kresala” da vasco-belga June Laka, unha fermosa curta en éuscaro producida en Bélxica e premiada no Festival de Gante, con montaxe de Hugo Amoedo, ou “To the Sea” do suizo Julian Grünthal, rodada na Mariña luguesa coa dirección de fotografía de Guille Vázquez, e que pasou polo festival Alcine. A sección complétase coa animación “Metamorphosis” de Juanfran Jacinto e a arxentina Carla Pereira, estreada no pasado Festival de Xixón, e coas animacións da coruñesa Sonia Iglesias, e coa comedia negra “Seven Sharp” codirixida polo galés Andrew Turner e o galego Roque Cameselle.

Todas elas serán estreas en Galicia, e serán presentadas polos creadores galegos que traballaron nestas obras, ate a decisión do festival – consensuada cos directores- de que non haxa visitantes doutros países como medida de precaución.

Por outra parte, a sección competitiva de non- ficción Furacáns, a mais arriscada do festival, que atrae ó público mais atrevido e aberto do festival, terá este ano sete obras a concurso, das cales catro serán estreas absolutas. Entre as estreas estarán “Usos e Costumes”, un experimento narrativo basado nun día de praia, da viguesa Iria Silvosa, “Notas para a habitabilidade en A Barca”, asinada por Pablo Paloma, unha fermosa obra saída dun proxecto da Elias Querejeta Zine Eskola, “Un lugar bajo el sol”, do xove cineasta de Portonovo David Outón e “Paisaje e Paisanaje”, un interesante fresco sobre unha estirpe de bares en extinción, que supón a primeira incursión nun festival do realizador compostelano Javi Álvarez, tamén coñecido por formar parte do grupo musical Fluzo.

A sección complétase con “Da morte nace a vida”, de Adrián Canoura, que o ano pasado recibiu unha Mención do xurado en Cans, “1 de 8.000”, un retrato da cineasta Marta Valverde sobre o traballo rutinario do seu pai nunha fábrica e “Cartografía do Esquecemento”, unha reflexión crítica sobre a dexeneración dos bosques autóctonos, da cineasta e artista Ariadna Silva.

Este ano só 50 persoas poderán asistir a estas proxeccións de Extracans e Furacans, que terán lugar no Baixo de Carlos o sábado 5 de setembro en horario de mañá e de tarde. Cos abonos de 10 euros que dan acceso á sesión matutina ou a vespertina, tamén se pode acceder ben ao coloquio co galardonado director galego Óliver Laxe –pola mañá- ou ben ao concerto de peche na última noite do Festival: o de Hendrik Rover y Los Míticos GTs.

Apertura de inscricións para asistir ás longametraxes

Todas as actividades do Festival de Cans deste ano terán un aforo especialmente reducido, e para acceder é preciso ter entrada ou rexistrarse. As medidas de redución e control de público forman parte da estratexia de prevención posta en marcha pola organización do evento. Tanto as entradas coma as inscricións para as actividades de balde débense facer na tenda online do Festival: https://tenda.festivaldecans.com/. Logo do bo ritmo na venda dos abonos, estes días están disponibles as poucas entradas soltas que quedaron. E o luns abrirase a inscrición para as dúas longametraxes que serán proxectadas no Festival: a galega “A illa das mentiras”, de Paula Cons, que se estrea en pantalla grande no certame, e “Arima”, de Jaione Camborda, premiada nos festivais de Sevilla e Gijón.

Comentar noticia

Your email address will not be published.