O Festival de Cans homenaxeará a Chano Piñeiro no 25 aniversario do seu pesamento

Unha placa adicaralle unha ‘rúa efémera’ en Cans ao director de “Sempre Xonxa”.
Publicado por o día 07/08/2020 na sección de Cultura,Eventos,Galicia,O Porriño

O Festival de Cans homenaxeará a Chano Piñeiro no 25 aniversario do seu pesamento

O Festival de Cans, que terá lugar do 2 ao 5 de setembro, homenaxerá na programación da súa XVII edición o cineasta Chano Piñeiro, con motivo da celebración dos vintecinco anos do seu falecemento, acontecido en 1995.

Chano Piñeiro (Forcarei,1954–1995) é o pai do cinema galego contemporáneo, e un realizador chave na posibilidade de ter un cinema propio en lingua galega. Filmes coma “Sempre Xonxa” ou curtametraxes como “Mamasunción”, forman parte da memoria cinéfila de todas as galegas e galegos, sobre os que Piñeiro deixou unha fonda pegada.

O Festival de Cans quere lembrar este ano a este cineasta inesquecible, a través de varias actividades transversais que se desenvolverán ó longo de todo o certame. Desde a homenaxe que o festival tributa ó cineasta no cartaz desta edición, coa figura de fondo da bicicleta voadora de Caladiño, un dos seus personaxes máis iconográficos, pasando pola inuguración dunha rua efémera na súa memoria, un coloquio, proxecións e actividades para nenas e nenos.

As actividades para celebrar a figura de Chano Piñeiro comezarán o mércores, 2 de setembro, coa inauguración dunha rúa efémera en Cans, que levará o nome do cineasta. Esta rúa estará presente durante os catro días que dura o festival, e posteriormente volverá recuperarse cada ano nos días nos que se celebre o certame, a xeito de homenaxe contínua a este excepcional creador.

Na inauguración desa rúa estarán presentes a viúva do cineasta, Mari Luz Montes e a actriz Uxía Blanco, inesquecible protagonista do filme “Sempre Xonxa”.  Ambas asistirán a posteriori a un coloquio sobre a figura de Chano Piñeiro, promovido pola Fundación Aisge e que terá lugar no Baixo de Carlos, o baixo do festival que este ano acollerá todos os coloquios e encontros matinais do mércores 2 ao venres 4 de setembro.

O coloquio rematará coa proxeción de “Mamasunción”, a súa curtametraxe mais emblemática, que se fará tamén con subtitulado especial para persoas con discapacidades auditiva, e coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Por motivos de distanciamento social e hixiene, esta galpón terá unha reducción de aforo e a actividade estará limitada a 25 persoas, que terán que inscribirse previamente, nun enderezo que o festival poñerá a disposición do público desde unha semana antes do certame.

As actividades de homenaxe completaranse con ‘Chano Piñeiro, vida contada’, un proxecto creado en exclusiva para este celebración,  e no que os contadores de Polo Correo do Vento narraranlle a nenos e nenas a vida e as claves cinematográficas do creador de Forcarei. Explicarano  a través dun formato absolutamente cinematográfico: debuxos feitos a semellanza dos que se empregan na preparación das películas para deseñar as imaxes, os denominados ‘story boards’. Este tipo de traballos serven de guía durante a rodaxe, e as pequenas pequenos que asistan a esta actividade poderán coñecer así cómo é esta ferramenta cinematográfica baseada no debuxo ademais de achegarse á obra de Chano Piñeiro. Esta actividade terá lugar na tarde do sábado 5 de setembro, e un máximo de 25 entradas a un prezo de 3 euros poñeranse á venda para esta actividade na tenda online do Festival de Cans.

Últimas entradas con desconto á venda ata este sábado 8.

Dadas as limitacións de aforo da presente edición, a participación en todas actividades só poderá realizarse baixo rexistro ou a través de entradas adquiridas previamente. A organización do Festival extrema as medidas de control de público para protexer tanto ás persoas asistentes coma á veciñanza, sobre todo as persoas de maior idade. Ata este sábado 8 de agosto, poderán mercarse na tenda online tenda.festivaldecans.gal, as últimas entradas da oferta de lanzamento do festival, para asistir o sábado 5 de setembro, día central do certame.

Só hai dispoñibles 200 entradas para a sesión matinal, que dan acceso ó coloquio con Óliver Laxe no Espazo Estrella Galicia da Leira do Río, e outras 200 entradas para a sesión de tarde que dan acceso tamén ó concerto de Henrik Rover e a entrega de premios no mesmo espazo. O pack de entrada, camisola e coloquio está á venda por 20 euros, e o pack de tarde a un prezo de 25 euros. Só terán acceso garantido as persoas que merquen o pack antes do sábado. Desa data en diante poñeríanse á venda entradas soltas, só no caso de que sobrasen.

Comentar noticia

Your email address will not be published.