O Festival de CAns leva a Caminha, en Portugal, a obra de novas e novos creadores de Galicia

O Teatro Valadares exhibe este mércores catro curtametraxes galegas dentro do ciclo Cinema + Perto.

Primeiro pasaron polo Festival de Cans, e obtiveron o recoñecemento do público ou o do xurado. E agora serán exhibidas na cidade portuguesa de Caminha. Catro curtametraxes galegas proxéctanse este mércores nun evento clave para os amantes do cine no norte de Portugal: o ciclo ‘Cinema + Perto‘, organizado polo Cine Clube Locus Cinemae e no que se poderá coñecer tamén o traballo doutras creadoras contemporáneas, coma a directora e guionista portuguesa  Maria Eduarda Rodrigues.

O fermoso Teatro Valadares acollerá a partir das 21,00 horas (hora portuguesa) deste mércores a proxección de “O Neno bonito” de Fran X. Rodríguez, Premio do Público na última edición de Cans; “Homomaquia” de David Fidalgo, curta de animación que recibiu en Cans a Mención Especial do Xurado e acabaría sendo finalista dos Premios Goya; “O que medra por dentro” de Nacho Ozores, que levou ó premio á mellor interpretación masculina para o protagonista Jaime Olías; e “Cando mamá pechou as caixas“, documental da cineasta de A Guarda Arancha Brandón. O ciclo complétase co encontro de Arancha Brandón no Teatro Valadares para presentar a súa obra e conversar co público.

A presidenta da entidade promotora do Festival de Cans, a Asociación Cultural ArelaKeka Losada, tamén estará co público de ‘Cinema + Perto’. Presentaralles tanto as curtas galegas que se proxectarán coma a vindeira edición do Festival de Cans.

A chegada da obra das novas e novos cineastas de Galicia é froito do acordo de colaboración que o Festival de Cans mantén co Cine Clube Locus Cinemae de Caminha para a difusión das novas creación audiovisuais de Galicia. A entrada é libre, pero por motivo das medidas de seguridade vixente, só poderán acceder á sala un máximo de 70 persoas, que ocuparán a súa butaca por orde de chegada.

ÚLTIMOS DÍAS DE VENDA DE ABONOS

A venda dos abonos da edición máis exclusiva co Festival de Cans, na que por mor da redución de aforo posta en marcha pola organización para garantir a seguridade do público e veciños, entra na súa recta final. Remata este sábado.

O público está respondendo ben á proposta: abonos de mañá ou de tarde, 200 en cada caso, a prezos que van dos 20 euros da mañá aos 25 euros da tarde. Cando a remate a venda de abonos, tan só se sobrasen entradas poderán ser postas á venda. Dada a reducción de aforo deste ano, é posible que cos abonos se acabe a totalidade das entradas.

Os abonos de mañá permite visionar as curtametraxes a concurso que se proxectan en horario matutino e participar no coloquio co director Oliver Laxe. O abono da tarde dá acceso ás proxeccións vespertinas, ao concerto de Hendrik Rover y Los Míticos GTs e á entrega de premios. Estas actividades celebraranse no novo Espazo Estrella Galicia da Leira do Río.

As entradas están á venda na tenda online do certame: https://tenda.festivaldecans.com/.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM