O festival de panxoliñas ‘Vigo Xacobeo do Nadal’ e a Navia Swing Band puxéronlle a sintonía ao Nadal Solidario deste sábado

A Asociación de Corais Polifónicas de Vigo (Acopovi) presentouse cun programa adaptado ao Nadal e deseñado para chegar a un público de todas as idades

A Asociación de Corais Polifónicas de Vigo (Acopovi) e a Navia Swing Band foron hoxe os encargados de poñerlle a sintonía ao Nadal Solidario que se está a celebrar no Tinglado do Porto de Vigo ata o vindeiro 4 de xaneiro. Unha iniciativa que partiu da Delegación Territorial da Xunta de Galicia e que mantén programadas máis dun cento de actividades durante estas datas na cidade.

Así as corais lucíronse cun programa deseñado especialmente para a ocasión; o Festival Panxoliñas “Vigo Xacobeo do Nadal”. O obxectivo, segundo a propia asociación, é chegar a un público de todas as idades con interpretacións propias do Nadal. Hoxe foi a quenda das corais polifónicas de Santa Clara, Val do Fragoso e do Centro Social de Rivera Atienza. Este ciclo volverá ao espazo solidario de novo o vindeiro 23 de decembro. A este respecto, a delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, fixo fincapé tras o concerto na importancia da difusión da cultura musical sexa da índole que sexa, para recordar que actualmente existen 38 corais en Vigo que agrupan a día de hoxe a máis dun millar de persoas.

Pola súa banda, o peche correspondeulle á Navia Swing Band. Esta banda escola, iniciada no ano 2011 da man de Rolandas Butkevicius, é a única de Vigo na que se ensina a tocar Swing e está integrada por nenos, mozos e maiores do barrio de Navia. Acompañados das súas frautas traveseiras, clarinetes, saxofóns, trompetas, guitarras e trombóns, entre outros instrumentos, non defraudaron ao público que esta fin de semana se achegou ata o Nadal Solidario da Xunta.

Mañá é a quenda da Federación de Bandas de Música Populares de Vigo cun pasacalle ás 13.00 horas que dará paso ás 17.00 horas á Coral de Valladares, que actuará no marco do Nadal Solidario da Xunta pero cun cambio de escenario xa que se traslada á Residencia Santa Marta.

A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia interpretará unha peza inspirada no clásico de Charles Dickens “Conto de Nadal” a partir das 19.00 horas. Xa ás 21.00 horas o peche corresponderalle ao grupo de música local El Sol Desnudo.

Espazo solidario

Compre lembrar que o cerne desta iniciativa son as 24 ONGs e organizacións solidarias participantes coas que o Goberno galego busca fomentar a solidariedade. Un lugar no que vigueses, turistas, peregrinos e empresarios poderán achegarse para aportar o seu grao de area. Un espazo, ideado pola Delegación Territorial de Vigo en colaboración coa sociedade civil e coa implicación de varias consellerías da Xunta e o Porto de Vigo, que busca canalizar a expresión solidaria dos cidadáns, pero que é moito máis, xa que permitirá encher a cidade de Vigo de cultura e tradición.

Deste xeito, a iniciativa ten como obxectivo traballar coa sociedade civil, con entidades solidarias, fomentar accións participativas de ambiente familiar e colaborar en positivo coa cidade cun nadal próximo, xeneroso e solidario, con máis dun cento de actividades ao longo de todo o día en horario de 12 da mañá ás 10 da noite, estendéndose á medianoite os sábados e domingos.

Un proxecto co que se procura pór o foco de atención sobre os aspectos máis tradicionais do Nadal, nun espazo pensado para todos os públicos, coas familias como prioridade, cun programa que protagonizan os vigueses de principio a fin.

Nacemento da Catedral de Santiago

Un dos aspectos máis atraentes no interior do Tinglado é a mostra do Belén da Catedral de Santiago de Compostela, que en 60 metros cadrados amosará preto de 500 pezas articuladas. Asemade, haberá tamén demostración de oficios tradicionais, concertos de coros infantís, jazz, teatro e danza.

O apartado da animación corresponderalle á Federación de Bandas de Música Populares de Vigo e Asociacións de Corais Polifónicas, rondallas e agrupacións teatrais da cidade. Estarán presentes, alumnos da Escola de Arte Dramático, o coro infantil da Fundación Mayeusis, a Coral Casablanca ou os Bolechas, entre outros. Asemade, grupos locais e de jazz encargaranse de amenizar no horario ampliado ata as 00.00 horas as noites dos sábados e domingos.

Á decoración tradicional do Nadal súmanse, no interior do Tinglado, nove casetas de madeira que contan actividades propias nas que participan a Autoridade Portuaria de Vigo, que dará a coñecer os seus ambiciosos proxectos medioambientais; a Consellería de Medio Ambiente, coa celebración de talleres infantís que ofrecen desde experimentos de “Ciencia Divertida” ata actividades de reciclaxe e concienciación medioambiental; a Consellería de Mar, con actividades informativas das súas campañas; a Consellería de Cultura e Turismo e a Consellería do Medio Rural, que porán o foco de atención nos seus diferentes programas; Anfaco, que desenvolverá demostracións de conservas e organizará talleres informativos e showcookings; e as 24 ONGs que, en diferentes quendas durante as mañás e as tardes, terán a oportunidade de trasladar o seu proxecto solidario á cidadanía.

Terán así representación, APAM, Aspanaex, San Rafael, San Francisco, Igualarte, Down Vigo, Alento, Cáritas, o Comedor da Esperanza, as Misioneras do Silencio, AFAN, Ayuvi, Afaga, Asdegal, Red Madre, a Fundación Balms, Fundega, Discamino, Bicos de Papel, Asanog, Fundación Stop, Vida Digna, a Fundación Magar e a Asociación de Xordos de Vigo.

Así mesmo, a programación contará con xornadas especiais para os colexios, centros sociais de maiores e os nenos oncolóxicos do Hospital Álvaro Cunqueiro.

Por último, a Fundación Celta de Vigo traerá xogadores do equipo de primeira división e do equipo Integra, formado por deportistas con discapacidade (gañadores este ano da Copa de España), cos que os visitantes poderán compartir momentos e pedirlles autógrafos.

Poaboado de Nadal, Reis Magos e carrusel

Xa no exterior do Tinglado, na viguesa Praza da Estrela, hai disposto un poboado de Nadal e unha gran caseta onde o Paxe real recollerá as cartas dos máis pequenos da casa. Un espazo que completan o clásico carrusel e grandes figuras representando aos Reis Magos e ao tradicional moneco de neve. O eixo principal desta decoración é o Camiño de Santiago e os seus símbolos: a vieira ou as mouteiras.

Tamén participan no exterior as asociacións de comerciantes de Vigo, que se aquendarán para ofrecer información sobre campañas para as compras do Nadal nos barrios de Vigo; ou a Dirección Xeral de Xuventude, con animación xuvenil e máis de voluntariado para os mozos vigueses.

Haberá casetas para garapiñadas ou castañeiras tradicionais e un grupo de foodtrucks, entre os que participan: Pescanova, Frutas Nieves, La Joaquina e La Pepita. Todas elas contribuirán a este Nadal Solidario doando parte da recadación ás ONGs.

No solpor das fines de semana haberá concertos de grupos vigueses.

Tamén está prevista a visita de varios conselleiros que manterán encontros con membros de organizacións e colectivos das súas áreas correspondentes en Vigo. Cómpre lembrar que neste proxecto involucráronse varias consellerías da Xunta e a colaboración do Porto de Vigo.

Outras actividades

Lonxe das actividades propias no Tinglado e Praza da Estrela, incorpóranse a este Nadal solidario e comprometido a Federación de Asociacións de Veciños, celebrando un día completo de actuacións de relacionadas con estas datas que será patrocinado pola Xunta de Galicia.

Tamén haberá concertos en centros de persoas maiores e un gran concerto de campás que actuará simultaneamente en varias igrexas da cidade dende a Concatedral de Vigo, o 28 de decembro ás 13.00 horas.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario