O Festival Sonora, con Malandrómeda e Los Bengala, dálle a benvida á primavera

O concerto enmárcase na programación musical do segundo cuadrimestre
Publicado por o día 23/03/2018 na sección de Universidade de Vigo

O Festival Sonora, con Malandrómeda e Los Bengala, dálle a benvida á primavera

Electrónica e hip-hop mesturáronse sobre o escenario con jazz e rock no festival Sonora18 que este mércores tivo lugar no Teatro Vidal Bolaño de Cidade Universitaria. A formación instrumental galega Malandrómeda protagonizou un concerto no que estiveron acompañados polos zaragozanos Los Bengala, que foron os encargados de subir o pano.

Fusión galega con Malandrómeda

O hip-hop de Malandrómeda animou a tarde universitaria. Hevi e O Master do Son estiveron acompañados sobre o escenario do batería Luis Alberto Legido (Sumrrá), o teclista Álex Salgueiro (Zoar) e o saxo Manuel Tarrío. Todos eles, músicos de primeira liña que actuaron en conxunto xa noutras ocasións.

Logo de recibir o premio de Rockdelux co seu disco dobre (Os corenta e oito nomes do inimigo e Cada can que lamba o seu carallo), como mellor álbum nacional editado en 2016, Malandrómeda comezou a combinar as salas de concertos con escenarios de festivais e nese intre tivo a necesidade dunha formación con máis músicos. Así naceu a proposta que trouxeron ao teatro de Cidade Universitaria dentro do ciclo Sonora18. Por outra parte, o premio de Rockdelux significou un fito na música en galego que levaba desde Os Resentidos, 25 anos sen recibir premios por parte da cabeceira musical. O pasado ano, Malandrómeda gañou tamén o Premio Martín Códax da música, na categoría hip-hop.

Rock’n’roll zaragozano de Los Bengala

Formado por só dous músicos, logran cos seus instrumentos e as súas voces, directos contundentes, como foi o destes mércores no campus. O grupo zaragozano de rock’n’roll está formado por Guillermo Sinnerman á guitarra e Borja Téllez á batería. Arrancaron no 2014, cando publicaron o seu primeiro disco Incluso festivos, cheo de ritmos viscerais, co que xiraron por toda España en salas e nos principais festivais de música. Algúns dos temas deste primeiro disco, como Jodidamente loco, No hay amor sin dolor ou 65 días convertéronse por méritos propios en grandes temas coreados nos seus directos. En 2017 publicaron o seu segundo disco, Año Selvático.