O gaiteiro e frautista poiense OSCAR IBÁÑEZ celebra as Letras Galegas dedicadas a María Victoria Moreno con “Ao latexo das Letras”

Publicado por o día 04/05/2018 na sección de Cultura

O gaiteiro e frautista poiense OSCAR IBÁÑEZ celebra as Letras Galegas dedicadas a María Victoria Moreno con “Ao latexo das Letras”

O gaiteiro e frautista poiense OSCAR IBÁÑEZ celebra as Letras Galegas dedicadas a María Victoria Moreno con “Ao latexo das Letras”, un ciclo de cinco concertos que terán lugar en Galicia e Portugal ao longo de mes de maio coa súa banda de directo OSCAR IBÁÑEZ & TRIBO, a poeta Tamara Andrés e a colaboración de gaiteiros e bailadores convidados.

Deste xeito a música de Oscar Ibáñez e os textos de María Victoria Moreno na voz de Tamara Andrés xúntanse neste ciclo de concertos que parte o 05/05 do Auditorio da Illa de Arousa e que estará o 13/05 á Praza do Convento de Melide, dentro da Festa do Melindre, o 16/05 ao Teatro Principal da Estrada, o 18/05 na Praza do Imperio de Lisboa, no marco do Festival Internacional da Máscara Ibérica, finalizando o 19/05 no “Expolima Pavilion” de Ponte de Lima, dentro da programación do Festival Inter-Atlántico de Gaita de Foles.


Á TRIBO de Oscar Ibáñez, formada polos músicos Fernando Fraga, acordeón, Ioana Pérez, violín, Carlos Calviño, guitarra, Paco Dicenta, baixo e Andrés Vilán, batería e percusión, sumaranse artistas e bailadores convidados para cada un dos concertos deste ciclo entre os que figuran o músico carrilexo Cristian Silva, a profesora de danza contemporánea Eva Faraldo, as profesoras de danza da escola Perla de Arousa Iria Rey e Yanire Vilas, o grupo Os Xirifeiros de Carril, as gaiteiras María Vidal e Laura García da A.F. Celme de Pontevedra, gaiteiros da Banda de Gaitas Nova Era de Verín, bailadores do grupo Tequexetéldere da Estrada, o profesor de gaita do Centro Galego de Lisboa Paulo Marinho, o gaiteiro e artesán Jorge Lira ou a Banda de Gaitas São Tiago de Cardielos.

Os concertos de Melide e A Estrada cos espectáculos “Alén do mar” e “Ponte Atlántica” respectivamente, forman parte das redes “Cultura no camiño” e “Rede Galega de Teatros e Auditorios” da AGADIC. O conxunto do ciclo conta ademáis coa colaboración da Xunta de Galicia dende a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

A entrada para o concerto no Auditorio da Illa de Arousa é de 12 €, anticipada 10 € disponible online en www.ticketea.com e física no Bar O Museo, Lotaría San Xulián e Gradisela Arousa. A entrada para o Teatro Principal da Estrada é de 5 € e está disponible no Departamento de Cultura do Concello da Estrada. Os concertos de Melide, Lisboa e Ponte de Lima son de balde.

TRAXECTORIA MUSICAL

OSCAR IBÁÑEZ é un gaiteiro e frautista fascinante que realiza unha fusión musical sen límites partindo das raíces, a medio camiño entre investigación e creación, que ten como resultado un novo e único son.

Os seus comenzos tiveron lugar en distintos grupos de música tradicional cos que percorreu toda Europa, a docencia en máis de 10 países de Europa e América a través da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia e na súa participación nos concursos de gaita galega de maior prestixio, nos que acadou máis de 40 premios tanto en dixitación aberta como pechada.

Despois dunha ampla formación musical académica participou en máis de 20 traballos discográficos, entre os que destacan ALÉN DO MAR (VIR, 2012) e AIRES DE PONTEVEDRA. Homenaxe a Ricardo Portela – 25 Aniversario Pasamento (Inquedanzas Sonoras, 2017) e publicou os libros-cd “OS MONTES DE LUGO” (Ouvirmos, 2007), “O QUINTETO MONTERREY DE JOSÉ POSADA. Nos xardíns da Tropical” (Dos Acordes, 2009) e “XOÁN TILVE GAITEIRO DE CAMPAÑÓ. Gravacións Históricas de Xosé Filgueira Valverde” (aCentral Folque, 2015). Dende 2004 traballa no Arquivo Sonoro do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra e dende 2006 impulsou e dirixiu diferentes espectáculos en Galicia e Cantabria como “MUSGAFOL”, “ENCONTRO DE GAITEIROS MANUEL VILLANUEVA GAITAS DE FOL DO NOROESTE” ou “JUELLES: ENCUENTRO DE GAITAS EUROPEAS”.

A súa banda de directo OSCAR IBÁÑEZ & TRIBO está formada por excelentes músicos de longa e recoñecida traxectoria que formaron parte das bandas dos artistas máis destacados damúsica folk galega como Fernando Fraga, acordeón, Ioana Pérez, violín, Carlos Calviño, guitarra , Paco Dicenta, baixo e Andrés Vilán, batería e percusión.

Con esta formación OSCAR IBÁÑEZ levou a súa música por toda la península, Bretaña e Italia participando nalgúns dos festivais internacionais máis importantes como o Festival Intercéltico de Lorient (Bretaña), Festival Capodanno Céltico (Milán), Festival do Mundo Celta de Ortigueira, Festival Intercéltico do Morrazo, Festival de la Luz, Festival Folk de Guísamo, Festival Folk As Pontes (Galicia), Festival Internacional Celta Reino de León (León), Festival Folk Canarias (Gran Canaria), Festival Sauga Folk (Cantabria) ou o Festival Intercéltico d’Occidente (Asturias), entre outros.

LISTA DE CONCERTOS

05/05 Auditorio da Illa de Arousa (Pontevedra)
13/05 Praza do Convento de Melide (A Coruña), Festa do Melindre
16/05 Teatro Principal da Estrada (Pontevedra)
18/05 Jardím Praça do Imperio de Lisboa (Portugal), Festival Internacional da Máscara Ibérica
19/05 Expolima Pavilion, Ponte de Lima (Portugal), Festival Inter-Atlántico de Gaita de Foles