O GALI desprázase ata Caldas para participar nas tarefas de extinción dunha nave industrial

Publicado por o día 08/05/2018 na sección de Sucesos

O GALI desprázase ata Caldas para participar nas tarefas de extinción dunha nave industrial

Os servizos de emerxencia traballaron arreo durante toda a noite na extinción dun lume que arrasou por completo unha nave situada no Polígono Industrial de Caldas de Reis, en Saiar. Tamén, outras dúas naves resultaron afectadas.

Afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais e tampouco danos ambientais, aínda que, o Servizo de GardaCostas de Galicia ven de activar o Plan Camgal en fase de alerta para evitar que procedentes da extinción afecten ao río Umia.  A esta hora, o lume está controlado aínda que non extinguido, por iso, os servizos de emerxencia continúan traballando  no lugar.

O Grupo de Apoio Loxístico da Axencia Galega de Emerxencias participou durante toda a noite nas tarefas de extinción. Un camión gran nodriza  do GALI apoiou aos servizos de emerxencia alí desprazados no suministro de auga, un total de  80.000 litros de auga foron os empregados por parte do GALI.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia do incendio, grazas á chamada dun particular quen, pasados uns minutos das 00:00 horas desta madrugada chamou para alerta dunha nave ardendo no Polígono Industrial.

A partir de aí, o persoal do CIAE puxo en marcha un operativo no que participaron ademais dos Bombeiros do Salnés, do Morrazo, do Baixo Miño,  de  Pontevedra e o GALI,  os membros do GES e de Protección Civil dos concellos de Caldas, A Estrada e Padrón. A intervención dos axentes da Garda Civil  e da Policía Local tamén foi requirida polo 112 Galicia. Ademais, unha ambulancia do 061-Urxencias Sanitarias tamén se desprazou ata o lugar por si nalgún momento fose precisa a súa intervención. Así mesmo, informouse da situación ao persoal do servizo de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e ao Servizo de GardaCostas de Galicia.

Efectivos de Protección Civil de Caldas indicaban ao 112 Galicia á primeira hora desta mañá, que despois percorrer a zona non atoparon residuos no río nin restos da auga empregada na extinción nos sumidoiros.