O Galician Freaky Film Festival abre o prazo de recepción de traballos audiovisuais

O certame celebrarase do 28 ao 31 de outubro na Sala Videodrome e manterá intactas as súas ganas de desfrutar do frikismo máis bizarro ao modo galego.

Dende está mañá quedou aberto o prazo para inscribir traballos audiovisuais na nova edición do Galician Freaky Film Fest que voltará coa súa festa de vampiros, monstros, bechos, naves espaciais, mortos viventes e tódolos subxéneros imaxinables que conforman o fascinante mundo do cinema de serie B e o mundo freak. “O ano pasado non cabía máis xente na sala” – comentou entusiasmado Juan de Castro, director do certame – “por iso nesta edición aumentamos un día máis o festival”. Así, o GFFF 2020, ampliará a súa proposta ata levala a catro xornadas que arrincarán o 28 de outubro e chegarán ata a mesma noite de Samaín, o 31 de outubro.

Por suposto, o espírito do certame mantén os seus pilares fundamentais. Pezas dos xéneros máis clásicos do mundo freak, exposicións, performances, concertos, cervexa e unha Sala Videodrome que se converterá un ano máis no perfecto espazo para albergar o que xa é unha cita imprescindible para os amantes do gore, das tramas máis incribles e do rural freak galego. “Non se trata só de ver as pelis” – relata de Castro – “sempre intentamos que o feito de achegarse ata a Videodrome sexa unha experiencia freak completa”.

Se o ano pasado, foron máis de 200 as películas que se enviaron para participar no festival e chegaron dende todas as partes do mundo, este ano a organización pretende  superar esa cifra. “Recibimos traballos dende USA, Francia, Irán, Países Baixos” – engadiu Miriam P. Álvarez, encargada da produción do evento – “e ademais de moitísima calidade, por iso queremos ver que acontece se abrimos antes o prazo de recepción de traballos”.

Todos aqueles interesados en enviar os seus proxectos para seren seleccionados, poden consultar as bases na páxina web do GFFF e poderán facer a inscrición dende hoxe ata o vindeiro 27 de xuño a través de diferentes plataformas coma Movibeta, Clickforfestival, Clermont Ferrand ou o formulario propio na web do Galician Freaky Film Festival.

Os organizadores anuncian sorpresas e, por enriba de todo, unha xenuína festa ó máis puro estilo friki.

O GALICIAN FREAKY FILM FESTIVAL

Despois de tres anos no que o Galician Freaky Film Festival non parou de medrar e conseguiu colgar o cartel de “completo” en moitos dos seus pases, o certame regresa unha vez máis a sala Videodrome e a cidade co fin de achegar todo tipo de filmes de terror e serie B. O mellor do peor da industria cinematográfica de Galicia, España e o resto do mundo.

Cabe destacar que na edición de 2019 volvéronse a bater as cifras de asistentes, superando o millar de persoas. Algo que demostra que os xéneros clásicos máis pulp: a fantasía, a ciencia ficción, o terror, o gore e toda a serie B en xeral, seguen a ser un éxito.

O gran obxectivo do GFFF é reivindicar e recuperar o espírito freak que acada o seu esplendor en Galicia grazas á Xeración Xabarín que bailaba os temas das bandas de Rock Bravú, cantaba o opening de Dragon Ball a pleno pulmón e pedía as películas do Vengador Tóxico no videoclube.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM