O Galician Freaky Film Festival bate as súas marcas e recibe preto de 200 propostas coas que encherá Vigo de terror, ciencia ficción e serie B

Por terceiro ano consecutivo o GFFF achega do 24 ao 26 de outubro á cidade a súa festa pulp con cabida para monstros, bechos, gore e toneladas de diversión freak
Publicado por o día 17/09/2019 na sección de Cultura,Galicia,Vigo

O Galician Freaky Film Festival bate as súas marcas e recibe preto de 200 propostas coas que encherá Vigo de terror, ciencia ficción e serie B

Trala edición 0 de 2017 e a primeira edición de 2018, o GFFF volve á cidade olívica do 24 ao 26 de outubro coa súa proposta de festival gamberro que honra ao friksimo cinematográfico en todos os seus formatos.

Ademais, desta vagada, a organización móstrase entusiasmada porque batéronse as cifras de películas recibidas os anos anteriores con preto de 200 cintas. A procedencia das obras, chegadas dende lugares tan diversos coma Chile, Ucraína, EE.UU, Senegal, México, Arxentina, Alemaña ou Brasil, demostra que os xéneros clásicos máis pulp: a fantasía, a ciencia ficción, o terror, o gore e toda a serie B en xeral, seguen a ser un éxito por todo o mundo. 


A organización do GFFF destaca non só o gran número de filmes achegados durante o período de selección, senón tamén o recentes que son a gran maioría deles, xa que máis dun 30 por cento son do 2019 e outro 20 por cento do 2018.

As datas escollidas para a nova edición do GFFF son os vindeiros 24, 25 e 26 de outubro e a Sala Videodrome repetirá coma sede e centro de operacións.

FILOSOFÍA GFFF

O gran obxectivo do GFFF é reivindicar e recuperar o espírito freak que acada o seu esplendor en Galicia grazas á Xeración Xabarín que bailaba os temas das bandas de Rock Bravú, cantaba o opening de Dragon Ball a pleno pulmón e pedía as películas do Vengador Tóxico no videoclube .

A través do cine de xénero, de fantasía, de ciencia ficción, terror, fantasía, gore e serie B, preténdese mostrar o lado máis rebelde, desacomplexado e divertido da novena arte e celebralo con tres días de festa nos que hai cabida para vampiros, robots, lobishomes, extraterrestres, todo tipo de bechos extravagantes e, por suposto, dinosetos.  

O ANIVERSARIO DE ALIEN

No espazo ninguén pode escoitar os teus berros. Deste xeito se promocionaba en 1979 Alien, o oitavo pasaxeiro a mítica película de Ridley Scott protagonizada por Sigourney Weaver e un Xenomorfo terrible de mala baba. Aproveitando a efeméride das catro décadas da súa estrea, o GFFF quere facerlle unha homenaxe moi especial no que haberá actividades relacionadas co filme, moita presenza no cartel do certame deseñado por Paulo Mosca e algunha que outra sorpresa que fará as delicias dos fanáticos alieníxenas.

Trala pasada edición, na que a sala Videodrome ateigouse de público para gozar do éxtase freak, o GFFF busca consolidarse coma unha cita cultural divertida e diferente en Galicia.

Comentar noticia

Your email address will not be published.