O Galician Freaky Film Festival chega ao seu ecuador con máis curtas, gamberrismo e o DJ Home Elefante

No ecuador do Galician Freaky Film Festival, proxectaranse 18 curtametraxes en tres bloques diferentes: “Humor Freak Vol. 2”, “Noite de Ciencia Ficción” e “Noite de Arrepío”
Publicado por o día 25/10/2018 na sección de Cultura,Galicia,Vigo

O Galician Freaky Film Festival chega ao seu ecuador con máis curtas, gamberrismo e o DJ Home Elefante

O Galician Freaky Film Festival, que se celebra do 25 ao 27 de outubro na sala Videodrome (rúa Velázquez Moreno, 44) afrontará unha segunda xornada con 18 curtametraxes de serie B e a música que pinchará DJ Home Elefante. Por suposto, tamén se poderá seguir gozando da terrorífica exposición do artista vigués Josef Méndez, máis cervexa propia do festival, cortesía da marca artesá Nós e moito gaming grazas ás dúas máquinas recreativas con videoxogos antigos que estarán na sala mentres dure o certame.

A PROGRAMACIÓN DO VENRES 26: TERROR, ZOMBIES, CIENCIA FICCIÓN E HUMOR FRIKI

No ecuador do Galician Freaky Film Festival terán lugar un total de tres sesións: Humor Freak Vol. 2, Noite de Ciencia Ficción e, por último, Noite de Arrepío. Na primeira delas proxectaranse filmes como Una vida de mierda, de Jaime Serín, que mostra as aventuras e desventuras dun váter namorado e que contará coa presenza no festival da actriz Verónica Giardino, ou Z Fest, de David Cordero, onde unha parella discute nunha tenda de campaña mentres están rodeados de zombis.

Ademais tamén se poderán ver as pezas Monsters Walking, de Diego Porral Soldevila; La buena, de Antonio Panteras; Evströnger, de Silvia Conesa; Tomoe debe pagar, de Miguel Ángel Fernández; Happy Ending, de Fernando González Gómez e Requiem desde el diván, de Felipe Aguilar Picazo.

O segundo dos bloques, previsto para ás 21.00, ten coma denominador común a ciencia ficción e deste xeito as obras tratarán historias como a de un cosmonauta ruso que viaxa ao espazo exterior enSputnik, de Vicente Bonet, pero no que tamén haberá tempo para ver como é a vida na terra en 2060 da man de José Antonio Campos Aguilera, director de El origen.

O resto dos filmes da sesión son Third Kind, de Zois Yorgos e Eusebio 80, unha curta de animación feita por Jesús Martínez e Iván Molina que gañou a Biznaga de Plata Premio do Público no Festival de Málaga 2018.

No último dos bloques, o terror de serie B será o principal protagonista. Así, todos os asistentes poderán ver desde ás 23.00 fenómenos paranormais, noites de Halloween terroríficas e moito misterio en filmes como Rewind, de Rubén Pérez Barrena e Aprieta pero raramente ahoga, de David Pérez Sañudo e no que sairán recoñecidos actores como Fernando Albizu e Adam Jezierski.

Ademais tamén se proxectarán neste bloque 9 pasos, de Marisa Crespo e Moisés Romera; Ángel Caído, de Fran Parra; Maelstrom, de Carlos Gómez-Trigo e Toc toc, de Daniel Veira Martínez.

DJ HOME ELEFANTE

A segunda xornada finalizará coa actuación de balde de DJ Home Elefante quen animará a todos os asistentes cunha selección de cancións horteiras e gamberras para rematar a noite por todo o alto.

VOTACIÓN POPULAR

Os gañadores das curtametraxes á concurso decidiranse mediante unha votación popular do máis orixinal: un aplausómetro feito ad hoc para o festival polo que, ao remate de cada obra, o público deberá botarlle ganas e implicarse ao máximo se quere que o filme pase a estar entre os favoritos da primeira edición do certame.

Sen dubida, está todo preparado para vivir unha primeira xornada inaugural que só será o principio de tres días repletos de moito gamberrismo en forma de sesións de cine, gaming e concertos que servirán para reivindicar o mundo friki e consolidar o evento coma un referente na cidade.

PREZOS POPULARES

Como xa é tradición, o Galician Freaky Film Festival quere ser un punto de encontro de cinema e cultura freak aberto a todos e cuns prezos populares. Por iso, cada sesión de cine custará 2€, mentres que a sesión do DJ Home Elefante será de balde.

As entradas poderanse mercar dende media hora antes do comezo de cada sesión na propia sala Videodrome e, para todos aqueles que non se queiran perder nada, haberá un abono especial de 10€ que da acceso a todas as actividades e as curtas desta primeira edición do festival. Para reservalo, basta con poñerse en contacto coa organización a través do Facebook ou de Instagram.

Así mesmo, toda a información relativa tanto aos filmes como as actividades paralelas están dispoñibles na web do Galician Freaky Film Festival.