O Galician Freaky Film Festival despídese cunha xornada dedicada ás curtas galegas e internacionais

O Galician Freaky Film Festival chega ao seu fin coa proxección de 9 curtas en dúas sesións: “Frikismo do país” e “International Freak Session”. A noite rematará cun concerto do dúo Alféizar
Publicado por o día 26/10/2018 na sección de Cultura,Galicia,Vigo

O Galician Freaky Film Festival despídese cunha xornada dedicada ás curtas galegas e internacionais

Tras o éxito de público das dúas primeiras xornadas, o Galician Freaky Film Festival afrontará o seu último día na sala Videodrome (rúa Velázquez Moreno, 44) cun total de 9 curtametraxes de serie B galegas e internacionais. Tampouco faltará a música, que virá da man do dúo Alféizar.

Así mesmo, tamén se poderá seguir gozando un día máis da terrorífica exposición do artista vigués Josef Méndez, máis cervexa propia do festival, cortesía da marca artesá Nós, e moito gaming grazas ás dúas máquinas recreativas con videoxogos antigos que estarán dispoñibles ata o fin de festa.

A PROGRAMACIÓN DO SÁBADO 27

O derradeiro día do Galician Freaky Film Festival estará dedicado ás sesións Frikismo do País e International Freak Session.

No primeiro dos bloques, que terá lugar a partir das 19.00, mostraranse pezas galegas cun claro compoñente freak como Maullidos de latex, de Brian Rodríguez Cortiñas, que trata da vida dun home que recobra o seu optimismo poñéndose unha máscara de gato. Pero tamén haberá espazo para Koan, de Omar Rabuñal Varela; O neno do hórreo, de Diego López Curros e Baleiro, de Miguel Gómez Abad.

A segunda sesión poderase ver a partir das 21.00 e recompila as mellores curtas internacionais de países como Reino Unido, Arxentina, Paraguai, Suecia, México, EE.UU. e Grecia. Deste xeito proxectaranse un total de cinco pezas: White, de David Moya; Todo esto sucede mientras duermes, de Adrián Quintero Mármol; Ella, de Darío Díaz; The Record, de Lucas Fuica e Kung Fury, de David Sandberg, a única das obras que non entra dentro do concurso.

Sen dúbida, Kung Fury é un dos filmes máis oitenteros e frikis que se poderán ver nesta primeira edición do Galician Freaky Film Festival. A mediometraxe ten una sinopse moi peculiar: relata a historia dun policía chamado Kung Fury que persigue ao seu inimigo Hitler a través do tempo. Por suposto, haberá grandes doses de acción, combates, humor e ata robots e dinosauros.

O CONCERTO DO DÚO ALFÉIZAR

Xa ás 23.00 dará comezo o concerto do dúo vigués Alféizar, grandes coñecidos na cidade por temas como “La guarida del amor”, “Tattú” o “El culo manchado de caca”. Se dúbida, todo un espectáculo digno de ver, hortera, friki e con moito cachondeo para poñer fin a una primeira edición do Galician Freaky Film Festival.

VOTACIÓN POPULAR

Os gañadores das curtametraxes á concurso decidiranse mediante unha votación popular do máis orixinal: un aplausómetro feito ad hoc para o festival polo que, ao remate de cada obra, o público deberá botarlle ganas e implicarse ao máximo se quere que o filme pase a estar entre os favoritos da primeira edición do certame.

PREZOS POPULARES

Como xa é tradición, o Galician Freaky Film Festival quere ser un punto de encontro de cinema e cultura freak aberto a todos e cuns prezos populares. Por iso, cada sesión de cine custará 2€, mentres que o concerto do dúo Alféizar terá un custo de 5€.

As entradas poderanse mercar dende media hora antes do comezo de cada sesión na propia sala Videodrome.