O festival máis gamberro de Vigo segue cos preparativos para celebrar unha nova edición do 28 ao 31 de outubro. A sala, coma outros anos, será a Videodrome, situada no Mercado do Progreso. Sen embargo, nesta ocasión, as medidas de seguridade serán maiores debido a situación sanitaria actual por mor da Covid-19.
Deste xeito, Juan de Castro, director do festival, sinala que “a saúde dos asistentes, os artistas e o equipo é prioritario, por iso estivemos traballando en crear un espazo seguro para todos e temos que agradecer ao noso equipo e a Deputación por todo o apoio recibido”. Neste sentido, o Galician Freaky Film Festival basea o protocolo de continxencia fronte ao coronavirus nas indicacións dadas por Rías Baixas Film Fest, unha marca da Deputación de Pontevedra que integra a un total de nove festivais e que ten como fin axudalos e impulsalos.
Así, a principal medida é a redución do aforo en máis dun 80%, dispoñible agora para tan só 50 persoas por xornada, fronte as máis de 300 que poderían acceder noutras circunstancias. Doutra banda, extrémase a hixiene, colocando xel hidroalcohólico tanto á entrada do festival, onde tamén se tomará a temperatura, coma en diversos puntos do interior. Do mesmo xeito, será obrigatorio o uso de mascarillas para moverse polo recinto, que tamén estarán dispoñibles para os asistentes, establecerase a circulación única e ao rematar cada xornada, procederase a total desinfección da sala Videodrome.
Por suposto, a disposición das cadeiras manterá as distancias de seguridade de 1,5 metros co fin de gozar dos filmes dunha maneira segura. Ademais, haberá persoal cualificado para garantir o cumprimento da normativa e o persoal da organización levará luvas de protección para manipular todos os elementos que teña que usar o persoal, dende micrófonos, ata carteis ou merchandising.
Finalmente, haberá diversos paneis informativos coas medidas de seguridade e hixiene na sala, poderanse mercar as entradas na web do Galician Freaky Film Festival e a zona da barra axustarase a normativa vixente.
O GALICIAN FREAKY FILM FESTIVAL
Despois de tres anos no que o Galician Freaky Film Festival non parou de medrar e conseguiu colgar o cartel de “completo” en moitos dos seus pases, o certame regresa unha vez máis a sala Videodrome e a cidade co fin de achegar todo tipo de filmes de terror e serie B. O mellor do peor da industria cinematográfica de Galicia, España e o resto do mundo.
Cabe destacar que na edición de 2019 volvéronse a bater as cifras de asistentes, superando o millar de persoas. Algo que demostra que os xéneros clásicos máis pulp: a fantasía, a ciencia ficción, o terror, o gore e toda a serie B en xeral, seguen a ser un éxito.
O gran obxectivo do GFFF é reivindicar e recuperar o espírito freak que acada o seu esplendor en Galicia grazas á Xeración Xabarín que bailaba os temas das bandas de Rock Bravú, cantaba o opening de Dragon Ball a pleno pulmón e pedía as películas do Vengador Tóxico no videoclube .
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.