O Galician Freaky Film Festival pecha a súa primeira edición despois de proxectar preto de 40 curtas e abarrotar a sala durante os tres días do certame

Durante as tres xornadas que durou o GFFF, o público abarrotou a sala Videodrome, sede principal do evento e gozou dos filmes e do resto das actividades como a exposición de Josef Méndez e os concertos de Joao Tomba e Alféizar
Por o 30/10/2018 | Sección: Cultura,Galicia,Vigo
O Galician Freaky Film Festival pecha a súa primeira edición despois de proxectar preto de 40 curtas e abarrotar a sala durante os tres días do certame
Compartir en:

Despois de tres xornadas nas que se puideron ver preto de 40 curtas galegas, nacionais e internacionais así como os concertos de Joao Tomba e Alféizar e a terrorífica mostra de Josef Méndez, o Galician Freaky Film Festival chega ao seu fin cos seus propósitos cumpridos.

Trátase, sen dúbida, dunha primeira edición (a anterior foi a 0) moi positiva, no que o público estivo moi implicado. Así, puido gozar de mais de seis horas do mellor cine friki ao longo de todo o certame e para elo encheron a Sala Videodrome para cada unha das sesións programadas. Ademais, eles foron os encargados de elixir aos gañadores do certame mediante o método máis estrambótico posible: un aplausómetro que recollía os vítores recibidos por cada curta.

Deste xeito os vencedores da primeira edición foron: Coplillas por Bombay de Jaume Miranda como a mellor curta de humor, 9 Pasos de Marisa Crespo e Moisés Romera como a mellor curta de arrepío e O neno do hórreo de Diego López Curros como a curta máis friki.

Tamén houbo un gran compromiso por parte da crítica e dos artistas que pasaron este ano polo certame, que non agocharon o seu entusiasmo por saber que se ían proxectar as súas obras.

Por suposto, tampouco se descoidou ningún detalle decorativo na sala Videodrome para facer unha estancia acorde á temática e que se puidese vivir unha experiencia única. Deste xeito, non só había máquinas recreativas antigas y moitos detalles frikis se non que, aproveitando a proximidade con Halloween, decorouse a sala con esqueletos, lápidas, manequíns aos que lles faltaban partes do corpo e unha infinidade de bichos de toda clase: arañas, escorpións…

En definitiva, a primeira edición do Galician Freaky Film Festival foi un rotundo éxito e a organización espera dar continuidade cada ano a gran variedade artística que existe en Galicia e fóra dela mantendo sempre os mesmos valores e buscando unha accesibilidade do público total a través de actividades paralelas e prezos populares.

Comentar noticia

Your email address will not be published.