O goberno da FEMP que preside Abel Caballero reúnese o luns con Pedro Sánchez

O presidente do Goberno e os representantes da Federación celebrarán unha vídeoconferencia ás 12.30 da mañá do 20 de abril. O alcalde anunciou que a FEMP acode coa intención de manter un diálogo aberto e coa vontade de colaboración: “Somos Estado e queremos cooperar ante unha crise extraordinariamente importante”
Publicado por o día 17/04/2020 na sección de Concello de Vigo,Coronavirus,Galicia,Vigo

O alcalde de Vigo e presidente da FEMP, Abel Caballero, anunciou que o goberno da FEMP foi convocado polo presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, a unha reunión que se celebrará por videoconferencia o vindeiro luns, 20 de abril, ás 12.30 horas, un encontro no que, subliñou, “imos manter un diálogo aberto”, demostrando que os Gobernos Locais “somos Estado e queremos cooperar nas grandes crises do país, e esta é unha crise extraordinariamente importante”.

Caballero subliñou que a participación dos concellos é “fundamental e básica” en aspectos de política social e atención inmediata, en medidas de emerxencia e de apoio á saúde. “E agora que empeza a etapa da recuperación económica, cando unha parte da economía xa se puxo a traballar, tan pronto a pandemia acabe e as autoridades digan que o resto dos sectores pódense incorporar, aí volverá ser importantísimo o papel dos Gobernos Locais”, asegurou.

O alcalde destacou o importante papel que os Gobernos Locais están a xogar na crise provocada polo coronavirus e na erradicación da pandemia, con actuacións que van desde a desinfección de espazos, o apoio ao illamento ou a cooperación con centros sanitarios, ata un amplo abanico de actuacións sociais que chega ás persoas vulnerables e a quen atravesa severas dificultades. E concluíu sinalando que “acudimos a esta reunión co Presidente do Goberno con espírito da cooperación, de marchar xuntos, de asumir a nosa responsabilidade de Estado como Corporacións Locais”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.