O Goberno de Carmela Silva abre o prazo de solicitude aos concellos para optar ao Programa de Mellora de Espazos Públicos

É unha iniciativa que ten por obxectivo acondicionar funcional e esteticamente os xardíns, parques e outras áreas públicas que en 2017 beneficiou a unha vintena de municipios
Publicado por o día 24/09/2018 na sección de Eventos

O Goberno de Carmela Silva abre o prazo de solicitude aos concellos para optar ao Programa de Mellora de Espazos Públicos

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou a apertura do prazo de solicitude para que os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes poidan optar ao Programa de Mellora de Espazos Públicos durante o exercicio 2018. Mediante esta actuación, o Goberno provincial ten por obxectivo recuperar para o conxunto da cidadanía espazos de lecer para que se poida mellorar o acondicionamento funcional e estético de xardíns, parques e outras áreas públicas dos concellos da provincia.

Carmela Silva apuntou que “o que queremos é que o espazo público teña o ornato e a adecuación necesaria para que a cidadanía poida gozar del”. Así, a través deste programa, a Deputación pretende mellorar a calidade de vida das persoas mediante a recuperación de espazos públicos degradados para convertelos en zonas de convivencia da veciñanza. Para iso, o Goberno provincial destinará mobiliario e outros elementos de ornato elaborados polos distintos servizos da Deputación, como é o caso da Escola de Cantería ou dos módulos formativos de carpintería e cerrallería.

Deste xeito, as actuacións ao abeiro do Programa de Mellora de Espazos Públicos consistirán exclusivamente na entrega de material dirixido a xardíns, parques infantís, parques biosaudables, outros espazos verdes ou calquera outro tipo de área de lecer sempre que sexan de titularidade municipal e uso público. En liñas xerais, as subministracións terán por destino o equipamento novo ou a substitución de elementos existentes deteriorados, quedando excluídos do programa as actuacións de rehabilitación de todo tipo de elementos e a creación de novos espazos públicos.

O ano pasado beneficiáronse desta iniciativa 16 concellos da provincia que puideron mellorar as súas zonas de lecer a través de monumentos, melloras de rotondas e zonas axardinadas ou instalación de bancos e mesas de madeira e granito. Este ano, os concellos interesados en obter algún destes elementos ou outros similares deberán presentar a solicitude, de xeito telemático a través da sede electrónica, ata o 20 de novembro.