O goberno de Carmela Silva aproba a adxudicación de catro novas parcelas no polígono de Barro

As empresas Distribuciones Froiz e Yatecomeré mercan dúas parcelas cada unha por un importe global de case millón e medio de euros
Publicado por o día 09/03/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

O goberno de Carmela Silva aproba a adxudicación de catro novas parcelas no polígono de Barro

A presidenta da Deputación de Pontevedra anunciou este venres 9 de marzo que a Xunta de Goberno da institución provincial acaba de aprobar a adxudicación de catro novas parcelas no polígono de Barro, por alleamento directo, a un prezo de 119,79 euros por metro cadrado. Máis polo miúdo, trátase de dúas parcelas para Distribuciones Froiz S. A., por valor de 783.177,51 euros, e outras dúas para a empresa Yatecomeré S. L., por 664.307,42 euros.

En canto a Froiz, que entre as dúas novas parcelas adquire unha superficie de 6.537,92 metros cadrados, Carmela Silva sinalou que “súmanse ás 16 que xa tiña adquirido a firma e nas que, segundo informou o grupo empresarial no seu día, situará un gran centro loxístico e un centro para o tratamento de mercadoría en fresco”.

Pola súa banda, as dúas parcelas adquiridas por Yatecomeré ocupan unha superficie de 5.545,60 metros cadrados. Sobre esta empresa de Ribadumia, a presidenta da Deputación de Pontevedra apuntou que “traballa na elaboración de pratos preparados e envasados ao baleiro de alta calidade, empregando materias primas locais e naturais e ofrecendo desde pratos de cociña tradicional e bases de cociña ata pratos dietéticos e incluso preparacións para banquetes”. Tamén destacou que “é unha empresa potente, novidosa, do século XXI e que responde ás novas demandas da cidadanía”.

Carmela Silva informou que “o polígono de Barro conta cunha superficie total de 258.436 metros cadrados, dos cales 139.164 metros cadrados están xa vendidos; é dicir, o 54 % da súa superficie, con 40 parcelas vendidas e moitas outras empresas interesadas”.

Ademais de Distribuciones Froiz S. A. e Yatecomeré S. L., as empresas que xa adquiriron parcelas no Polígono de Barro son: TC Group Atlántico S. L.,  Balvalen S. L., Hijos de Rivera S. L., Estación Servicio Low Cost 2015, Centro Apoyo Empresarial, Viveiro, Áridos de Curro, Aluminios Taboada y Blanco, Novas Rías S. L., José B. González Villaverde, Frutas Moncho, González Cerqueiro S. C., Mariscos Alumar S. L., GESCOGRA, Gasóleos Xeve, CAENOR e EDF. Solar S. L.