O Goberno de Carmela Silva aproba achegas por valor de máis de 1,7 millóns de euros para catro concellos do Condado-Paradanta

A Deputación de Pontevedra financia ao cen por cen diversas obras en Covelo, Crecente, Mondariz e Mondariz-Balneario entre o Plan Concellos e o Plan de Reequilibrio
Publicado por o día 23/05/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

O Goberno de Carmela Silva aproba achegas por valor de máis de 1,7 millóns de euros para catro concellos do Condado-Paradanta

A Xunta de Goberno da Deputación ven de aprobar as  achegas do Plan Concellos que sumadas as do Plan de Reequlibrio suporá máis de 1,7 millóns de euros de inversións nos  concellos de Covelo, Mondariz-Balneario, Crecente e Mondariz para financiar ao cen por cen diversas obras.  Son catro novas achegas, ao abeiro da liña 1 de investimentos do Plan Concellos 2018, por un total de 638.151,37 euros que sumados ao Plan de Reequilibro acadan a cifra de 1.786.504 euros. Carmela Silva subliñou que o goberno provincial acude en axuda de todos os concellos “sen ver a súa cor política” para abordar infraestruturas necesarias para a súa veciñanza.

Así, Crecente recibirá da Deputación 92.600,84 euros para a execución do proxecto do Edificio Polideportivo, pistas de pádel e mellora de accesos e servizos na rúa García Neira, proxecto que co Plan de Reequilibrio será tamén financiado con outros 463.004,19 euros con fondos da Deputación. Con esta achega, a vila de Paradanta xa ten recibido, so co Plan Concellos 2018, 215.486,8 euros dos 672.926,86 euros que lle corresponden este ano, un 75,14% máis que en 2017. En concreto, a Deputación de Pontevedra xa aprobou para Crecente 139.201,68 euros en liña 1 de investimentos e 76.285,12 € en liña 3 de emprego, cos que contratou a 10 persoas.

Pola súa banda, a institución provincial achegará ao Covelo 71.851,79 euros cos que poderá financiar a súa parte do proxecto de mellora da accesibilidade e humanización da Praza de Barciademera.  O orzamento total da obra é de 359.258,93 € e o restante será financiado co Plan de Reequilibrio da Deputación. Con este investimento xa suma 234.915,07 euros dos 775.333,46 € que ten a súa disposición neste Plan Concellos 2018, un 73,24% máis que en 2017. Así, xa ten recibido 107.777,69 euros en liña 1 de investimentos, 24.826,24 en liña 2 e 102.311,14 € en liña 3 de emprego, cos que contratou a 21 persoas.

En canto a Mondariz, o goberno de Carmela Silva aprobou un investimento de 105.992,24 euros do Plan Concellos para dotar de novas infraestruturas nos Campos Municipais de Fútbol da Lagoa. O orzamento total da obra é de 529.962,41 € e o restante será financiado co Plan de Reequilibrio, co cal o cen por cen do investimento é con fondos da Deputación.  Con esta achega Mondariz chega aos 386.673,18 euros recibidos dos 877.689,41 € que ten a súa disposición co Plan Concellos 2018, un 74,58% máis que en 2017. Ata o momento xa recibiu 235.102,92 euros en liña 1 de investimentos, 35.747,74 € en liña 2 e 115.822,52 € en liña 3 de emprego, cos que contratou a 19 persoas.

Por último, Mondariz-Balneario recibirá 367.706,50 euros para o axardinamento e recuperación de elementos históricos do recinto do Gran Hotel.  Con este investimento, a Deputación de Pontevedra xa ten entregado o 100% do que lle corresponde a Mondariz-Balneario en canto á liña 1 de investimento do Plan Concellos 2018 e a cantidade correspondente a 2019 que adica por completo a esta obra. Amais, tamén ten recibido 10.519,72 euros en liña 2 e 56.143,56 en liña 3 cos que contratou a 12 persoas.