O Goberno de Carmela Silva aproba as axudas básicas de emerxencia a vinte concellos da provincia de Pontevedra

A Deputación achega 175.000 euros a este primeiro grupo de concellos dos 52 que as reciben e que no 2018 chegaron a 1700 familias en situación de emerxencia
Publicado por o día 06/09/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

O Goberno de Carmela Silva aproba as axudas básicas de emerxencia a vinte concellos da provincia de Pontevedra

A presidenta de Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou hoxe da aprobación en Xunta de Goberno da primeira remesa de Axudas Básicas de Emerxencia que percibirán vinte concellos da provincia, cun investimento de 175.000 euros. Estas axudas están dirixidas aos 52 concellos de menos de 20.000 habitantes e, como explicou Silva, todos as solicitaron e as percibirán, de xeito que en vindeiras semanas se irán aprobando as restantes, cun investimento que ascende en total a 465.000 euros.

Silva explicou que estas axudas sociais se destinan a gastos en alimentación, gastos de vivenda, pagamento de recibos, pagamento de produtos de hixiene e limpeza, pago de produtos farmacéuticos, adquisición de electrodomésticos, pagamento de desprazamentos, pagamento de lentes ou audífonos, pago de gastos derivados de tratamentos de odontoloxía, pagamento de produtos de apoio e axudas de apoio á infancia. As persoas beneficiarias, como engadiu, “están en situación de emerxencia e precisan axudas das administracións, e esta Deputación destina recursos importantes para que todas as persoas poidan ter uns mínimos dereitos básicos garantidos”.

Máis polo miúdo, nesta primeira quenda de axudas entran os concellos de A Cañiza, A Guarda, A Illa de Arousa, A Lama, Agolada, As Neves, Baiona, Barro, Campo Lameiro, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Forcarei, Fornelos de Montes, Meis, Moraña, O Grove, O Rosal, Poio e Salceda de Caselas. Os veciños e veciñas poderán solicitar estas axudas a través dos Servizos Sociais dos seus propios concellos.

A presidenta da Deputación lembrou que no 2018 estas Axudas Básicas de Emerxencia deron cobertura ás necesidades básicas de 1.700 familias dos 52 concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Delas, 1.272 tiñan menores ao seu cargo e 967 tiñan a ambos proxenitores en situación de desemprego. Así mesmo, 299 eran familias monoparentais; 352 eran usuarias do Servizo de educación e apoio familiar e 48 usuarias do Servizo de Axuda no Fogar. Ademais, 62 eran mulleres vítimas de violencia de xénero, 284 das persoas tiñan diversidade funcional ou grao de dependencia recoñecido, e 255 eran persoas maiores.