O goberno de Carmela Silva destina este ano a súa colaboración con Unicef a garantir o acceso a saúde ás nenas e nenos de Siria

“Unha sociedade do século XXI non pode ser decente se permite que haxa unha soa nena ou neno que non teña garantido os seus dereitos básicos”, asegurou a presidenta provincial
Publicado por o día 24/07/2018 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia

O goberno de Carmela Silva destina este ano a súa colaboración con Unicef a garantir o acceso a saúde ás nenas e nenos de Siria

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto coa vicepresidenta de Unicef en Galicia, Gloria del Río, deron a coñecer esta mañá o proxecto que a ONG vai desenvolver este ano en colaboración coa institución provincial en Siria e recordaron a actuación posta en marcha ao longo do ano pasado. Para Carmela Silva, a colaboración coa ONG non é máis que “cumprir coa nosa obriga como administración que non quere ser insensible á dor que padecen as nenas e nenos do mundo”.

Carmela Silva detallou o importante papel que está a desenvolver Unicef para atender á infancia de todo o mundo. “Unha sociedade do século XXI non pode ser decente se permite que haxa un só neno ou nena que non teña garantido os seus dereitos básicos e, lamentablemente, hai millóns de nenas e nenos que non teñen nada no mundo e precisan de todo”, manifestou a presidenta provincial.

“Estamos obrigadas e obrigados a devolverlle os sorrisos ás nenas e aos nenos do mundo, por iso, dende que fai tres anos Unicef nos plantexou a posibilidade de colaborar cos proxectos que levaba a cabo en Siria non tivemos ningunha dúbida”, declarou Silva. Máis polo miúdo, a presidenta informou que este ano a colaboración coa ONG, cunha achega de 12.500 euros, está dirixida a contribuír ao cumprimento do dereito a garantir a supervivencia e desenvolvemento das nenas e nenos de Siria asegurando o seu acceso á saúde.

En concreto, tal e como informou Carmela Silva, a través desta achega atenderanse a 10.160 persoas a través da distribución de 10.000 kits de saúde e emerxencia coas principais subministracións para que os centros de saúde brinden a atención sanitaria básica; 2 kits pediátricos especialmente deseñados por Unicef para atender á infancia durante un mes e tamén kits de parteira preparados para atender partos normais, que conteñen o equipamento médico necesario e medicamentos para realizar intervencións de emerxencia a mulleres sitiadas.

A presidenta tamén recordou o proxecto desenvolvido o ano pasado por Unicef en Siria en colaboración coa institución provincial. “Neste caso foi un proxecto educativo, dirixido a 5.750 nenas e nenos, dos cales a través da achega da Deputación se beneficiaron máis do 50%, é dicir, 3.050 nenas e nenos”, informou. Máis polo miúdo, explicou Silva proporcionáronse kits de mochilas escolares e de escolas nunha maleta destinados a 1.020 nenas e nenos; subministracións básicas de ocio dirixidas a 1.530 nenas e nenos e tamén subministracións básicas para a primeira infancia das que se beneficiaron 500 nenas e nenos de Siria.

Pola súa banda, Gloria del Río, vicepresidenta de Unicef en Galicia, agradeceu o apoio prestado pola Deputación que “dende o primeiro momento se mostrou aberta a participar en todo o que lles pedimos”. Del Río explicou o contexto Sirio, no que se centra a axuda da institución provincial, subliñando que dende fai máis de sete anos a poboación do país leva vivindo unha situación de sufrimento por mor dunha guerra “que non ten precedentes debido á súa complexidade, brutalidade e duración”. Neste eido, a vicepresidenta de Unicef recordou que no 2011 Siria contaba con máis de 20 millóns de persoas das cales hoxe 6,4 millóns están desprazadas, máis de 5,2 refuxiadas en países veciños e 14,6 non teñen auga potable.

Amais, Gloria del Río informou que nos dous primeiros meses deste ano máis de 1.000 nenas e nenos foron asasinadas e asasinados e feridas e feridos, e outras moitas e outros moitos torturadas e torturados, secuestradas e secuestrados, vítimas da violencia sexual ou recrutados e recrutadas por grupos armados. Tamén explicou que o 80% da poboación siria vive por debaixo da liña da pobreza, as familias non teñen recursos para cubrir necesidades básicas de comida e abrigo e as nenas e nenos con diversidade funcional corren o risco de ser excluídas e excluídos.

Sobre as infraestruturas educativas e sanitarias, a vicepresidenta de Unicef en Galicia subliñou que os ataques perpetrados en Siria diminuíron a súa calidade, ata o punto que soamente a metade dos hospitais están operativos e que unha de cada tres escolas están destruídas ou son empregadas como refuxio, ocasionando que 2,8 millóns de nenas e nenos non poida ir á escola.

Del Río explicou que Unicef, en colaboración coa Deputación, está a enviar material ás zonas sitiadas, distribuíndo auga potable e tabletas de purificación, xabón, así como proporcionando materiais educativos, instalando espazos, reparando escolas, promovendo un programa para que a infancia poida seguir os seus estudos dende a casa, entregando roupa e mantas, tratando enfermidades, prestando apoio psicosocial e protexendo ás persoas refuxiadas.