O Goberno de Carmela silva inicia un novo plan de formación sobre administración electrónica destinado a 215 novos cargos locais da provincia

En total poranse en marcha 33 sesións formativas dirixidas a 215 concelleiras e concelleiros
Publicado por o día 29/08/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

O Goberno de Carmela silva inicia un novo plan de formación sobre administración electrónica destinado a 215 novos cargos locais da provincia

A Deputación de Pontevedra está a poñer en marcha un novo plan de formación sobre administración electrónica dirixido ás novas concelleiras e concelleiros elixidas e elixidos nas eleccións do pasado maio. En total a través deste plan de formación, ao que a institución destina preto de 30.000 euros, está previsto organizar ata 33 sesións formativas dirixidas a 215 concelleiras e concelleiros dos 53 concellos adheridos ao proxecto de administración electrónica da Deputación.

A través das novas sesións formativas a institución provincial ten por obxectivo dotar de ferramentas e de información sobre a administración electrónica aos novos cargos locais. Este novo plan de formación consistirá na organización de 30 sesións formativas nos 30 concellos de máis de 5.000 habitantes da provincia adheridos ao proxecto da administración electrónica e outras tres para os 23 concellos adheridos con poboación inferior aos 5.000 habitantes.

Máis polo miúdo, a través da formación darase a coñecer os diferentes libros de rexistro de entrada e saída, a utilización do xestor de expedientes, o acceso ás diferentes convocatorias na aplicación de órganos colexiados, aprender a asinar, consultar o rexistro e expedientes, visualizar os libros de rexistro, consultar experiencias ou presentar mocións e preguntas. Deste xeito, os equipos de goberno das corporacións participantes no novo plan de formación recibirán como material didáctico un manual de rexistro, outro de xestor e un último de órganos colexiados.

A Deputación de Pontevedra está a liderar o proxecto de implantación da administración electrónica nos concellos da provincia, co fin de dar resposta ás obrigas marcadas pola Lei 39/2015. A través deste proxecto, amais de implantar o servizo en 53 concellos, 4 mancomunidades e 3 entidades menores, a institución provincial está a dar soporte ás entidades, manter o servizo e formou xa a 2.324 empregadas e empregados públicos e ata 758 cargos públicos en materia de administración electrónica.

Comentar noticia

Your email address will not be published.