“O goberno de Javier Bas, renuncia a desenvolver programas de incluións social”, segundo o BNG

Publicado por o día 11/02/2019 na sección de BNG,Galicia,Política,Redondela

“O goberno de Javier Bas, renuncia a desenvolver programas de incluións social”, segundo o BNG

A Xunta de Galiza convocou no ano 2018 axudas dirixidas a entidades locais co fin de potenciar as políticas de inclusión social. Mediante diversas vías subvencionábanse proxectos de integración para a poboación xitana, inmigrante ou en risco de exclusión social. Segundo desvelou o voceiro nacionalista, Xoán Carlos González, “despois de revisadas as concesións, o Concello de Redondela non aparece nin entre os que recibiron apoio económico da Xunta, nin tan sequera entre os solicitantes. A conclusión é ben sinxela; o goberno municipal non optou a este tipo de axudas”.

Renunciou o goberno de Javier Bas a que Redondela formara parte dos dezaoito concellos que recibiron fondos públicos na liña de apoio á inclusión á comunidade xitana, “algún deles mesmo en ata sete programas de intervención para as anualidades 18/19”. Situación similiar cos programas para poboación inmigrante, programas para inclusión de persoas en risco de exclusión social, e programas de educación e apoio familiar dirixidos á inclusión social dos menores a cargo, “desvinculación total e absoluta a desenvolver proxectos integradores”, afirma o edil nacionalista.

Califica de “gravísima” a deixación de funcións por parte dos responsábeis municipais en materia de inclusión social. Recorda que a propia concelleira de servizos sociais, tén empregado discursos xenófobos coa poboación xitana, cando xustificaba a urbanización no entorno do río Pexegueiro, “onde residía unha comunidade xitana, un centro de trapicheo de drogas”.

Na súa análise recolle como nos orzamentos aprobados no ano 2018, que contou coa abstención de AER e ao voto favorable do PP, existían partidas para inclusión social de 22.000€, ou para a inserción da poboación xitana, que non se gastaron. “Esta ben colgarse medallas realizando obras con claros tintes eleitoralistas, mais deixar de man as políticas sociais, inhabilitan a este goberno municipal”, afirma o voceiro do BNG. Segundo Xoán Carlos González, “asegura que coa presenza do BNG no goberno de Redondela volveranse a desenvolver políticas en positivo en materia social. Cómpre actuar con rigor e planificación nas políticas integradoras”, remata na súa intervención.

Comentar noticia

Your email address will not be published.