O goberno de Nigrán aproba no pleno a modificación das normas subsidarias que rixen o planeamento

Nesta ocasión tódolos grupos votaron a favor agás Nigrán Decide. A cuestión regresaba a pleno despois de que cinco entidades veciñais solicitaran ao goberno que retomase a moción
Por o 29/09/2018 | Sección: Galicia,Nigrán
O goberno de Nigrán aproba no pleno a modificación das normas subsidarias que rixen o planeamento

O goberno de Nigrán acadou no pleno de onte a aprobación inicial da modificación puntual número 25 das Normas Subsidiarias que rixen o planeamento de Nigrán dende 1991 co voto favorable de PP, UCN e BNG e en contra de Nigrán Decide, reunindo así a maioría absoluta que se requiría. Esta era a segunda vez que a cuestión ía a pleno depois de que en marzo non saíse adiante debido nesa ocasión ao voto en contra de Nigrán Decide e a abstención de PP e BNG. Despois dese primeiro rexeitamento, cinco entidades veciñais do municipio (‘A Irmandade de Priegue’, ‘Monteferro de Panxón’, ‘A Camoesa’ de Camos, ‘A Unión de San Pedro’ e ‘O Castro’ de Chandebrito) pediron mediante escrito por Rexistro ao goberno que volvese a levar a pleno a moción e, ao mesmo tempo, que a oposición a apoiase, xa que era “beneficiosa para a xeralidade dos cidadáns de Nigrán’.

No substantivo, o corpo das NNSS mantívose vixente en Nigrán ao longo de case 30 anos e, polo tanto, ao marxe da constante evolución do marco normativo, identificando os técnicos municipais disfuncións que dificultan obxectivos como a rexeneración e renovación urbana ou rehabilitación e eficiencia enerxética. Tras esta aprobación inicial, e en canto sexa publicado no BOP, abrirase un periodo de exposición pública e alegacións durante 2 meses.

“Agradecemos que a maioría da oposición reconsiderase a súa postura porque se trata dun asunto crucial para a vida de moita xente, xa que rebaixa as restriccións en aspectos como ampliacións ata un 50% en núcleos rurais, reduce os retranqueos ou relaxa as condicións estéticas”, explica o alcalde, Juan González.

“Seguimos adiante co PXOM e a bo ritmo, pero grazas a esta aprobación os veciños poderán resolver cuestións tan importantes como ampliar a súa vivenda en caso de necesidade ou facer unha nova división interna da casa, así que a cidadanía é a directamente beneficiada deste cambio, especialmente os que teñen unha vivenda no rural ou anterior a 1975, cando non existía a Licenza de Ocupación”, engade González, quen non entende “cómo a oposición o rexeitou no pleno de marzo”.

“Non son cambios no modelo urbanístico das NNSS, esa tarefa lle corresponde ao PXOM, tampouco se varía a calificación do solo o aumenta a intensidade edificatoria. Só se trata de pequenas correccións puntuais nas NNSS para solucionar contradiccións coa normativa autonómica e estatal en vigor e resolver así deficiencias detectadas durante este tempo na oficina municipal de Urbanismo”, resumíu o edil de Urbanismo, Diego García, ante un salón de plenos cheo de persoas interesadas pola aprobación desta cuestión.

Recoñecemento de facturas

O goberno de Nigrán aprobou co apoio do BNG e coa abstención dos demais grupos o recoñecemento extraxudicial de crédito de 164.883,30 € en facturas sen abonar a proveedores (46 por importe de 119.257,89 €) e gastos tales como a defensa xudicial ou desprazamentos e dietas do persoal do Concello de Nigrán (45.625,41€). Previamente foi rexeitada unha emenda do PP para tan só se abonasen as facturas do seu mandato e correspondentes a gastos xudiciais, deixando fora tódolos demais pagos a proveedores.

“Moitas destas facturas correspóndense a axudas de emerxencia aos incendios, a entidades sen ánimo de lucro como o programa ‘Vacacións en

Paz’ de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, a entidades como o Instituto de Estudios Miñoranos, Breogán Valle Miñor…”, incide o alcalde, quen destaca que “o Concello ten a obriga de pagar e non de enriquecerse inxustamente nin prexudicar a empresas que prestaron correctamente o seu servizo”. Nesta liña, o rexedor lamenta que non se recoñecesen 71.193,22 que, entre outras cousas, se corresponden a desprazamentos extraescolares de colexios de Nigrán (5.000 €), actuacións ou trofeos conmemorativos.

Ademais, a corporación rexeitou a moción de Nigrán Decide (cos seus únicos votos a favor) para baixar o IBI do 0,50 ao 0,45% ao considerar que se trata dunha medida que beneficiaría exclusivamente a grandes propietarios e prexudicaría ás persoas que máis o necesitan, xa que ao diminuir a recadación do Concello habería que recortar en gasto social, emprego ou educación. Compre recordar que o Concello de Nigrán ten un dos IBI máis baixos da comarca tras acordar a corporación por unanimidade a súa rebaixa no 2016.

Finalmente, a corporación acordou iniciar o procedemento para xestionar de forma pública o Real Club Náutico de Panxón ante o fin da concesión, así, o rexedor informou á corporación de que esta semana realizou a petición por escrito a Portos de Galicia. Ademais, a corporación acordou tamén continuar coa tramitación do PXOM con absoluta transparencia, participación e consenso, tal e como o goberno está levando a cabo nos últimos tres anos (esta fin de semana continúan as reunións nas parroquias con Panxón e Priegue).

Comentar noticia

Your email address will not be published.