O goberno de Vigo adica 110.000 euros a dúas convocatorias de xeración de emprego

Segundo informou este luns Abel Caballero, a Xunta de Goberno Local aprobou as bases e as convocatorias de 40.000 euros para o fomento do emprego en proxectos relacionados coa investigación e a innovación e outros 70.000 euros para apoiar a creación de empresas.
Publicado por o día 31/08/2020 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O goberno de Vigo adica 110.000 euros a dúas convocatorias de xeración de emprego

A convocatoria municipal para a xeración de emprego a través proxectos relacionados coa investigación e a innovación presenta un importe de 40.000 euros, 10.000 euros máis que na pasada edición, tal e como explicou o alcalde en rolda de prensa.

O programa resolverase por concorrencia competitiva e vai dirixido a entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan proxectos relacionados coa investigación e a innovación entre o un de xaneiro e o 15 de outubro deste ano. En particular, Caballero trasladou que as propostas deben facilitar a adquisición de experiencia no ámbito da I+D+i en sectores de interese para a cidade e fomentar as actividades ocupacionais e formativas de cara á integración laboral.

“Os procesos de xeración económica teñen que ser de alto valor engadido, o que permite salarios dignos e non competir en man de obra barata: hai que competir en man de obra formada con produtividade. Esta é a idea deste proxecto”, asegurou o alcalde.

En segundo lugar, a Xunta de Goberno de Vigo validou as bases e a convocatoria das axudas municipais á creación de empresas, un programa para o que o Concello reserva 70.000 euros e ao que poden optar as compañías constituídas entre o 1 de abril do 2019 e o 31 de marzo deste ano. “Queremos apoiar ás empresas que xeran emprego, con preferencia aos colectivos con maior dificultade de inserción laboral”, afirmou Caballero.

Congo

Na mesma Xunta de Goberno Local celebrada a pasada semana tamén se aprobou a concesión dunha subvención de 10.000 para levar adiante o proxecto de cooperación “Vigo polo Congo”, dirixido a cincuenta nenos e nenas de entre seis e trece anos que viven en acollida no orfanato Kimbondo, en Kinshasa. O Concello avala así a reforzo de alimentación dos escolares e a mellora da súa calidade de vida en igualdade de oportunidades, na procura dun futuro académico e profesional.

Comentar noticia

Your email address will not be published.